A UVigo deseña un software para mellorar a supervivencia dos dispositivos que captan enerxía das ondas

xoves, 1 de xuño do 2023 S. P.

Membros do Grupo Environmental Physics Laboratory (EPhysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo lideran un proxecto (con financiamento estatal e participación internacional) a través do cal desenvolven unha ferramenta numérica, un software, para estudar e mellorar a supervivencia de dispositivos captadores de enerxía das ondas do mar. Chámase proxecto Surviwec e arrincou en setembro de 2021, con prolongación até agosto de 2024.
Os seus investigadores principais son Alejandro Cabrera Crespo e Maite de Castro, membros de EPhysLab e profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. Ademais de membros deste grupo da UVigo participan especialistas da Universitat Politècnica de Catalunya e das universidades de Gante (Bélxica), Aveiro (Portugal) e Salerno (Italia). A iniciativa dá continuidade á liña de investigación que os socios deste proxecto desenvolven desde hai varios anos arredor da simulación de fluídos computacional aplicada a problemas de enxeñaría reais, neste caso no campo das enerxías renovábeis mariñas.
Segundo explican, o obxectivo principal do proxecto Surviwec é “desenvolver e validar unha ferramenta numérica (usando o código DualSPHysics como punto de partida) que será empregada para estudar a supervivencia de diferentes dispositivos do tipo absorbedor puntual baixo condicións extremas de ondas”. Os dispositivos do tipo absorbedor puntual, indica o grupo investigador, "teñen a vantaxe de aproveitar a enerxía das ondas con independencia da dirección das ondas, xa que poden absorber enerxía de todas as direccións", sendo na actualidade os principais aparellos sobre os que se traballa en investigación tanto pública como privada neste eido. Na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais, o software DualSPHysics, froito da colaboración de EPhysLab e as universidades de Manchester, Gante e Universitat Politècnica de Catalunya, tense convertido nun referente internacional. Segundo explican os investigadores, “trátase dun modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta con violencia en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras ou dispositivos flotantes no mar”.
A metodoloxía do proxecto Surviwec baséase en tres pasos: "Obter condicións extremas do estado do mar nas nosas costas tanto presentes como futuras; implementar e validar novas funcionalidades no código DualSPHysics e simular dispositivos do tipo absorbedor puntual para levar a cabo un estudo de supervivencia en profundidade baixo as condicións extremas obtidas antes". O equipo da UVigo é o encargado do traballo de desenvolvemento numérico e o da Universitat Politècnica de Catalunya dos experimentos no tanque de ondas chamado CIEM, incluído na lista de Infraestruturas Científicas y Técnicas Singulares que, co soporte do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, están dispoñíbeis para usar neste tipo de proxectos.

PUBLICIDADE