A UVigo deseña unha app para organizar ás e aos profesionais que traballan con mulleres vítimas de violencia

xoves, 20 de xuño do 2024 S. P.

Coordinar ás e aos profesionais de diferentes eidos que interveñen na mellor atención a mulleres vítimas de violencia de xénero evitando a dobre vitimización á que moitas veces se ven abocadas é o eixo sobre o que xira a primeira aplicación móbil en Galicia que chega baixo o nome de Max App.
O xermolo desta idea abrollaba en xullo de 2023 froito dunha axuda á investigación da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo e botou a andar a partir das necesidades expresadas polos profesionais que atenden ás mulleres vítimas de violencia de xénero, en dous grupos de discusión organizados polas promotoras do proxecto.
Detrás desta creación atópanse as docentes e investigadoras Iria Vázquez Silva e Carmen Verde Diego, coa participación das tamén investigadoras da UVigo Sabela Pérez Martín e Paula Frieiro.
Cómpre salientar que este proxecto piloto, Max App, ven de ser galardoado no V Congreso Internacional de Trabajo Social (celebrado en Málaga). As súas creadoras queren agora testalo para seguir mellorándoo, ao tempo que xa iniciaron os trámites para rexistrar a patente.
No mediodía de onte, mércores 19 de xuño, o edificio Redeiras reunía ás responsábeis do proxecto, que presentaban os avances do mesmo, nun acto ao que asistiron profesionais de diferentes eidos da atención a mulleres vítimas de violencia de xénero acompañadas da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez Suárez e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Mª Sandra Bastos Míguez.
Iria Vázquez lembrou as orixes do proxecto, poñendo en valor as achegas dos grupos de discusión formados por profesionais dos eidos social, xurídico, sociosanitario ou policial que lles trasladaron as súas demandas co obxectivo de mellorar a atención que prestan ás vítimas de violencia de xénero.
A investigadora da UVigo tamén subliñou a demanda de simplicidade trasladada polos colectivos que participaron no grupo de discusión á hora de deseñar a app, un proceso que valora de xeito moi positivo, tanto polos obxectivos acadados “co tempo e recursos cos que contabamos, e por iso queremos divulgala para que as institucións públicas valoren poñela en marcha”.
Pola súa banda, a docente e investigadora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da UVigo Carmen Verde destacou na presentación da aplicación, o traballo e capacidade de formación de persoal investigador do Grupo de Estudos en Traballo Social, ao tempo que fixo fincapé nas súas liñas de traballo, “todas con perspectiva de xénero”.
Na súa intervención, Águeda Gómez (directora da Unidade de Igualdade da UVigo) agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra a través da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo, “que é un viveiro de proxectos con perspectiva de xénero, que dá froitos que se traducen en transferencia de resultados que se poderían ver na realidade”. Asemade, tamén amosou a súa satisfacción se Max App acada a que sería a primeira patente no ámbito da Cátedra.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade e Benestar Social, Mª Sandra Bastos Míguez, felicitou ás promotoras da app polo recoñecemento internacional e referiuse a Max App, como “moi necesaria”, ao tempo que confirmou que “seguiremos apostando pola cátedra e pola igualdade”.

PUBLICIDADE