A UVigo desenvolve de xeito virtual as actividades de captación do novo alumnado
venres, 15 de maio do 2020
As
Xornadas de Orientación Universitaria (XOU) da Universidade de Vigo
celébranse este ano de xeito virtual, ante a imposibilidade de
seguir as liñas marcadas nas anteriores edicións e as limitacións
actuais á actividade presencial. A
actividade, desenvolvida baixo o nome de #ConectaCoaUVigo, comezou
este mércores pola tarde cun encontro virtual co alumnado de
Bacharelato ou ciclos superiores de FP. A vicerreitora de
Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, foi a encargada de
inaugurar a xornada que, segundo lembrou, contaba con máis de 700
inscritos no mes de marzo cando se agardaba celebrar de modo
presencial e que na modalidade en liña tamén encheu a capacidade da
sala virtual.
Trala
cita inaugural do 13 de maio, ao día seguinte continuaron as
actividades de captación de alumnado coa Xornada de Portas Abertas
Virtual, unha actividade cuxo obxectivo foi resolver as dúbidas
concretas sobre os graos impartidos na Universidade de Vigo. Para
iso, profesorado das diferentes titulacións de todos os campus
responderon ao longo do día a todas as cuestións propostas polos
estudantes para definir o seu futuro académico. A través de Campus
Remoto as sesións dividíronse por ámbito de coñecemento.
Ademais
destas actividades cos futuros estudantes, a campaña
#ConectaCoaUVigo complétase con outras dúas accións. Por unha
banda, púxose en marcha unha iniciativa centrada nos equipos de
orientación dos institutos, que consiste nun espazo virtual en
Faitic, un punto de encontro na rede onde compartir inquedanzas,
consultar a información e novidades sobre a oferta formativa e o
proceso de preinscrición e matrícula da Universidade de Vigo, e,
pola outra, habilitouse un vídeo-chat para que todas as consultas
que se están a recibir no Servizo de Información ao Estudante por
parte de alumnado, equipos de orientación de colexios e institutos e
incluso nais e pais, “sexan máis próximas e doadas”.
