A UVigo destina 6.000 euros a fomentar os estudos STEM entre as mulleres cos premios GirlGeekPower
mércores, 26 de xullo do 2023
Tres
anos despois da súa estrea, os premios GirlGeekCOVID (postos en
marcha na pandemia para promover os estudos STEM entre as mozas)
veñen de mudar de nome para, en palabras das súas impulsoras,
“adaptarse á realidade actual”. A
cuarta edición lánzase cunha nova denominación, os premios
GirlGeekPower, aos que se poden presentar candidaturas ata o vindeiro
29 de setembro.
A
proposta está destinada ás alumnas da Universidade de Vigo que
cursen titulacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría
e Matemática) nos campus de Vigo e Pontevedra.
Estes
galardóns encádranse na Cátedra Feminismos 4.0 que sosteñen a
Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. A finalidade é
“promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un
eido onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á
importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode
redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas
xeracións”, explican as dúas entidades, engadindo que o premio
valorará o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais
da súa motivación explícita nos estudos STEM. En total destínase
a esta iniciativa da Unidade de Igualdade 6000 euros, que se
repartirán en dous premios de 2000€, un para a rama das ciencias e
as ciencias da saúde e outro no eido da enxeñaría, e dous accésits
de 1000€ en cada un destes eidos.
Quen
se pode presentar e ata cando?
Poden
solicitar o premio as estudantes matriculadas na Universidade de Vigo
no curso 2023/2024 en 60 créditos en titulacións de grao ou
mestrado oficial das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias
e Ciencias da Saúde dos campus de Pontevedra e Vigo. Para formar
parte da convocatoria deberán ter superados ata o curso 2022/2023 60
créditos da titulación na que están matriculadas, ter unha nota
media do expediente ata o curso 2022/2023 igual ou superior a 7 nas
titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura; 8 nas titulacións
da rama de Ciencias; e 8 nas titulacións da rama de Ciencias da
Saúde e non ter non ter recibido este premio en ningunha das
convocatorias anteriores para o mesmo ciclo.
O
prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 29 de
setembro, e as alumnas deberán, xunto co formulario e a
certificación académica, presentar unha carta de motivación, na
que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por
realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra,
onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun
ámbito tradicionalmente masculinizado.
A
comisión de avaliación encargada de estudar as diferentes
candidaturas estará composta por Águeda Gómez, directora da
Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora da UVigo; Lucía
Muradas; xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e
Ana Isabel Amoedo, traballadora social adscrita ao Servizo de
Igualdade da Deputación de Pontevedra. A puntuación dependerá nun
80% da nota media do expediente en un 20% da carta de motivación.