A UVigo e Bahía poñen en marcha unha cátedra de innovación TIC

xoves, 15 de marzo do 2018 Redacción

A Universidade de Vigo e a firma TIC Bahía Software, con sede en Santiago, veñen de xuntar forzas a prol do talento, a transferencia e o fluxo de coñecemento entre os campus e o tecido empresarial, entre os ámbitos de investigación e o cidadán de a pé. Así nolo fixeron saber esta cuarta feira (mércores) o reitor Salustiano Mato e o director da dita compañía, Martín Gómez, na sinatura dun convenio marco de colaboración entre ámbalas partes. A primeira iniciativa desta súa alianza será a posta en marcha da Cátedra Bahía Software de Innovación Tecnolóxica. O obxectivo deste proxecto conxunto, con base na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Vigo, será “promover o intercambio de experiencias investigadoras, empresariais e de coñecemento entre a empresa e a institución académica”.
Segundo apuntou o reitor trala sinatura do convenio, a cátedra permitirá o desenvolvemento de accións de “formación, captación e retención de talento e dar mellores e máis oportunidades aos nosos estudantes”. Ademais, “permitirá desenvolver iniciativas no eido da investigación e a innovación”. O convenio formalizado con Bahía Software, engadiu o reitor, suporá “pasar dunha colaboración puntual a unha estrutural, estratéxica e institucional”.
Pola súa banda, Martín Gómez salientou como a posta en marcha deste convenio marco xorde tras colaboracións puntuais coa Escola Superior de Enxeñaría Informática que se desenvolveron de xeito “moi satisfactorio”. Amais, o director de Bahía Software dixo que a posta en marcha desta cátedra permitirá “o desenvolvemento de proxectos e tecnoloxías innovadoras, aproveitar o talento e achegar a empresa á universidade e a universidade á empresa”.
Mato e Gómez tamén explicaron que haberá “actividades de formación dual”, como por exemplo a organización de conferencias e seminarios, concesión de bolsas para o traballo do alumnado en contornas reais ou con proxectos simulados e apoio á realización de teses de doutoramento e traballos de fin de grao e mestrado. Ademais, no eido da difusión e transferencia de coñecemento inclúense iniciativas como a realización de xornadas de divulgación técnica e tecnolóxica e publicación de traballos sobre temas de interese. Por último, en materia de I+D+i, a cátedra pretende ofrecer apoio á realización de traballos de investigación e participar en proxectos de I+D+i conxuntos, seminarios, foros e encontros de expertos no ámbito da innovación tecnolóxica.
A cátedra estará dirixida por Francisco Javier Rodríguez, profesor da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos do Departamento de Informática da Universidade de Vigo e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Contará cunha comisión de seguimento paritaria, integrada por tres representantes de Bahía Software e tres representantes da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE