A UVigo e Ineo convidan cun curso a reflexionar na hipertecnoloxización

luns, 25 de setembro do 2017 Redacción

Entre as actividades formativas que vén de presentar a Universidade de Vigo para a recta final do ano académico figura unha iniciativa directamente encamiñada a avaliar determinadas cuestións de poder e de influencia relacionada coas novas tecnoloxías. Cuestións como por exemplo a seguinte: que pasa, tendo en conta o importante potencial das redes como canles de información activa, cando unha persoa ou un colectivo que é perigoso para a sociedade localiza a clave para sacarlle o máximo rendemento a ese potencial? Dar reposta a estas e outras preguntas, e impulsar o debate e a reflexión arredor dos ricos dun mal uso das TIC é un dos obxectivos do curso Ethics and Technology, coordinado por Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (EET), e por Lucía Gregorio, directora xeral da asociación galega de empresas tecnolóxico-dixitais Ineo.
A proxección en versión orixinal da serie británica Black Mirror será o punto de partida dos debates. Segundo Cuíñas, elixiuse esta serie porque se serve de futuro, de posíbeis situacións futuras, para facernos pensar sobre o presente. O futuro, nos capítulos de Black Mirror, é “un mundo distópico no que o uso compulsivo das tecnoloxías provocou que o colectivo destruíse á persoa individual mediante numerosas intrusións na intimidade que se admitiron como normais ou necesarias”, sinala o coordinador da actividade formativa, engadindo que coa presentación destas situacións búscase que as e os asistentes “reflexionen sobre como están a mudar a nosa sociedade e o noso modo de vida e sobre as consecuencias que estes cambios poden ter para o futuro”.
A iniciativa, explica Cuíñas e Gregorio, non consiste na creación dun foro sobre tecnoloxía, polo que as persoas interesadas non teñen que estar formadas nese ámbito, senón que “ deberán ter capacidade crítica e estar sensibilizadas coa sociedade e o individuo, xa que o obxectivo do curso é recapacitar sobre o futuro que vemos e o futuro cara o que queremos”, apunta Íñigo Cuiñas. Polo tanto, poderá matricularse no curso tanto o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e as persoas traballadoras de empresas asociadas a Ineo, como o público en xeral. Os únicos requisitos académicos esixidos son o título de bacharelato e un alto nivel de inglés falado.
As sesións do curso terán lugar todos os venres lectivos entre o 27 de outubro e o 15 de decembro entre as 15.30 h e as 18.00 h. A matrícula, dispoñible en liña a partir do día 1 de outubro tras ter formalizada a preinscrición, ten un custo de 50 euros coa posibilidade de obtención dunha bolsa que cubra estes gastos. As 20 prazas dispoñibles adxudicaranse por orde de inscrición; delas garántese que, 8 estarán destinadas ao alumnado, outras 8, aos asociados á Ineo e as 4 restantes quedarán á disposición do público.

PUBLICIDADE