A UVigo e Telefónica distinguirán as mellores propostas para os retos do desenvolvemento sustentábel

martes, 2 de marzo do 2021 Redacción

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel, conxunto de metas globais (un total de 17) para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos e todas, son a base dun certame que veñen de convocar a Universidade de Vigo e a Telefónica a través da súa cátedra conxunta. Estamos a falar dos Premios Innovación Sostible, unha iniciativa que ten por obxecto o recoñecemento dos Traballos de fin de Mestrado (TFM) realizados polo alumnado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes en las temáticas relacionadas con ODS.
En total, outorgaranse cinco premios dotados de 500€ cada un deles, para os mellores traballos que presenten propostas de innovación que aborden melloras aos problemas da humanidade relacionados coa Axenda 2030.
Pode participar nesta convocatoria o alumnado que teña presentado o TFM durante o curso 2019/2020 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual a superior a 7 puntos. A temática debe estar relacionada con algún dos 17 obxectivos da Axenda 2030.
O prazo de presentación das candidaturas está aberto ata o 5 de marzo de 2021. As persoas candidatas deberán presentar un informe do TFM resaltando o obxectivo da Axenda 2030 relacionado co traballo, a súa innovación, posibilidade e viabilidade de seu desenvolvemento e repercusión social.
A selección será efectuada por unha comisión composta polos profesores Javier Rodeiro, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; Elena Alonso Prieto, da Área de Explotación de Minas e directora da EEME; Camilo Carrillo, da Área de Enxeñaría Eléctrica; Íñigo Cuiñas, da Área de Teoría do Sinal e Comunicacións; Beatriz Legerén, d Comunicación Audiovisual e Publicidade; María Montero, da Área de Fundamentos da Análise Económica e Benedicto Soto, de Edafoloxía.

PUBLICIDADE