A UVigo e a Deputación de Pontevedra póñense en pé de loita contra o machismo dixital

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Unha cátedra cunha óptica das mulleres para hackear o patriarcado no ámbito dixital. Niso consiste a Cátedra de Feminismos 4.0 que presentaron hoxe a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra: unha iniciativa conxunta das dúas entidades para, entre outras cousas, “virar ao lila os contidos dixitais”, incrementar a presenza das mulleres nos eidos científico-tecnolóxicos e “evitar que na Rede se reproduza a desigualdade de xénero que persiste na sociedade”.
A cátedra foi dada a coñecer este mediodía polo o reitor Manuel Reigosa, e a presidenta da entidade provincial pontevedresa, Carmela Silva, nun acto celebrado no Pazo de Castrelos que contou ca presenza dun salientábel grupo de representantes dos ámbitos académico, social e cultural ligadas ao feminismo.
Na cita explicouse que ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 desenvolveranse unha serie de accións relacionadas con tres liñas de actuación fundamentais: a realización dun seminario anual sobre feminismo e STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), coa participación de investigadoras e enxeñeiras de referencia, en coordinación coa Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación e a UVigo; a creación de bolsas para estadías de investigadoras en centros relevantes con perspectiva de xénero e, por último, a promoción dunha epistemoloxía científico-tecnolóxica feminista na que se favorezan liñas de investigación e innovación dirixidas a mudar desigualdades que se reproducen nas redes sociais.
Segundo explicou no acto de hoxe a directora da Unidade de Igualdade da institución académica viguesa, “é preocupante a residual presenza feminina nos ámbitos da intelixencia dixital, do deseño de aplicacións móbiles e da creación de vídeoxogos, o que pode afondar na fenda económica entre os xéneros”. Amais disto, dixo que tamén é motivo de inquedanza a presenza de machismo na escolma dos wikicontidos, os trazos sexistas dos algoritmos á hora de procurar un emprego ou facer unha compra dixital ou mesmo a censura que sofre o activismo feminista ou as novas formas de ciberviolencia sexual, “cada vez más fortes”. Ao fío disto, a directora de Igualdade salientou “a necesidade formar persoas expertas que desde a epistemoloxía feminista esperten o sentido crítico da cidadanía e fomenten usos tecnolóxicos inclusivos”. Cara a este punto, recoñeceu, é cara a onde se dirixe a cátedra presentada hoxe.

PUBLICIDADE