A UVigo é a segunda universidade do ámbito estatal en materia de transparencia voluntaria

venres, 4 de decembro do 2020 Redacción

A web da Fundación Compromiso e Transparencia vén de recoñecer os esforzos das nosas tres universidades en materia de transparencia voluntaria. Especialmente destacábel é papel xogado no ranking estatal pola Universidade de Vigo feito pola dita entidade, que foi quen de poñerse na segunda posición das universidades españolas.
Máis polo miúdo, segundo o Informe de transparencia voluntaria en la web de las universidades españolas, entendendo por transparencia voluntaria na web “o esforzo por difundir e publicar a información relevante da organización, facéndoa visíbel e accesíbel a todos os grupos de interese de xeito íntegro e actualizado”, a UVigo acadou o segundo posto da clasificación das universidades públicas e privadas do país, empatada a 50 puntos coas universidades de Burgos e Oviedo, e só por detrás da Rey Juan Carlos e Cantabria, que acadan os 51 puntos e ocupan o primeiro posto da clasificación. Respecto do informe do ano pasado, a institución académica viguesa, a primeira de Galicia (a de Coruña sitúase no posto 17 e a de Santiago no 27), suma seis puntos máis, ao rexistrar melloras en varios dos indicadores avaliados pola Fundación Compromiso e Transparencia.
“Para nós é importante acadar este posto no ranking porque somos unha universidade pública e a posición nesta clasificación, e tamén no índice de transparencia Dyntra, sitúanos como unha das administracións públicas máis transparentes do estado español e probablemente a máis transparente de toda a comunidade autónoma de Galicia”, explicou Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, para quen este recoñecemento está a transmitir un modelo de gobernanza e o cumprimento dunha obriga como universidade pública, que é o de ser o máis transparente posible e comunicalo ao público.
O Informe de transparencia voluntaria en la web de las universidades españolas avalía un total de dez indicadores que abranguen desde o plan estratéxico, á oferta e demanda académica, pasando polo PDI, alumnado, a información económica ou os resultados (labor investigador, rendemento académico e satisfacción do alumnado ou visualización en clasificacións nacionais e internacionais), atendendo a visibilidade, accesibilidade, actualidade e integralidade do contido da información, que as institucións académicas proporcionan nas súas páxinas web.

PUBLICIDADE