A UVigo e o Concello de Ourense sentan os alicerces para un centro de I+D en Intelixencia Artificial

luns, 1 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Este luns primeiro de xullo arrincaron as conversas entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense para crear, de maneira conxunta, un centro local de investigación en Intelixencia Artificial. Na xuntanza de hoxe participaron o reitor Manuel Reigosa, e mailo novo alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome. Trala cita, Reigosa recoñeceu a vontade de institución que representa para participar integrante no devandito proxecto, a través da Escola de Enxeñaría en Informática do campus local e, tamén, doutras titulacións.
Manuel Reigosa agradeceu o convite do alcalde para participar neste proxecto e salientou a súa confianza en que “outras administracións tamén se apunten ao carro e que entre todos poidamos facer unha iniciativa pioneira e con futuro”.
Pola súa banda, Pérez Jácome informou de que “co apoio da Universidade vaise establecer unha comisión de traballo para tentar dar saída” a este proxecto”. Esta comisión, adiantou o alcalde, buscará “como empezar este proxecto e como involucrar ás administracións supramunicipais, empezando pola Deputación pero principalmente a Xunta de Galicia, o Estado español e Europa”. No que respecta ao emprazamento do centro de IA, alcalde e reitor coincidiron en salientar en que “o ideal” sería que estivera situado na contorna do Campus de Ourense, indicando o reitor a posibilidade de que sexa un edificio “mixto”. Desta maneira, recoñeceu, “favoreceranse as sinerxías entre os investigadores que xa hai na Universidade e os novos investigadores que formen parte deste centro”.

PUBLICIDADE