A UVigo e o centro Leartiker crean TICs-Bonito, para unha pesca do bonito máis sustentable... e tecnolóxica

venres, 29 de novembro do 2024 S. P.

Co obxectivo de traballar a prol da innovación tecnolóxica na pesca do bonito e dos túnidos e facelo mediante artes de pesca sostíbeis e respectuosas coa propia especie e co medio ambiente en xeral nace o proxecto Tics-Bonito, Tecnoloxías intelixentes para a pesca sustentable do bonito. Detrás desta idea atopamos ao centro tecnolóxico vasco Leartiker e ao grupo de investigación de Enxeñaría Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, sendo Leartiker o líder do proxecto.
Tics-Bonito desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e cofinánciase pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).
Indo á iniciativa, dicir que se atopa inserida no programa Pleamar, impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura. Co propósito de fomentar a sustentabilidade nos sectores pesqueiro e acuícola mediante a innovación e a protección ambiental, o programa divídese en varios eixos e o proxecto Tics-Bonito centra os seus esforzos no primeiro deles: desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas actividades pesqueiras para reducir ou eliminar os seus efectos negativos sobre o medio ambiente (Eixo 1: Interaccións e impactos. Diminución do efecto da pesca sobre o medio mariño).
Emporiso, o obxectivo principal de Tics-Bonito é apoiar ao sector de pesca de bonito e túnidos no desenvolvemento de propostas arredor das técnicas de pesca costeiras e de altura. No caso da pesca de altura, traballarase na biodegradabilidade dos Dispositivos de Concentración de Peixes (DCP), elementos que poden ter un impacto negativo no medio mariño por mor dos materiais plásticos duradeiros que os compoñen. Neste caso, trataranse de desenvolver dispositivos baseados en materiais non enmallantes e biodegradables, que sexan modulables e sensorizados.
En canto á arte de pesca costeira, o proxecto propón estudar as técnicas empregadas arestora nas súas modalidades de cana con cebo vivo e con carrete ou de cacea, para propoñer axudas automatizadas e solucións dixitais que apoien e complementen a metodoloxía actual dos pescadores en cuberta, facendo máis doada a monitoraxe daqueles parámetros que se consideren relevantes.
Así, para acadar este fin, os responsables do proxecto consideran fundamental a colaboración con representantes do sector pesqueiro, para que trasladen a súa experiencia e necesidades de cara á definición dos requisitos técnicos do proxecto, asegurando así que as solucións tecnolóxicas propostas se axustan á súa realidade e xeito de traballar. Neste senso, xa se levaron a cabo diferentes reunións con confrarías, armadores e desenvolvedores de maquinaria de abordo para coñecer a realidade do sector.
Tics-Bonito quere ademais asegurar que os resultados que se vaian obtendo no proxecto cheguen á comunidade científica, aos usuarios finais e á sociedade en xeral. Por iso, os responsables difundirán o proxecto mediante publicacións en revistas científicas e presentacións en eventos, así como na creación de material divulgativo.
A xeito informativo, Leartiker é un centro tecnolóxico especializado en materiais poliméricos e tecnoloxías avanzadas, mentres que o grupo da Universidade de Vigo achega a súa experiencia en enxeñaría de automatización, dixitalización e robótica. No caso do proxecto Tics-Bonito, Leartiker encargarase do desenvolvemento de materiais biodegradables, o deseño do DCP e a coordinación do proxecto. Mentres, o grupo En.Edi será quen leve a responsabilidade do desenvolvemento das actuacións en automatización e dixitalización.
A finais de outubro levouse a cabo a primeira reunión presencial, coa presenza do responsable do proxecto por parte do grupo da Universidade de Vigo, Julio Garrido, nas instalacións de Leartiker. A seguinte xuntanza está planificada para febreiro en Vigo.