A UVigo enumera os ámbitos de acción e as tecnoloxías que melloran a vida das persoas maiores

luns, 14 de outubro do 2024 S. P.

A UVigo desenvolveu un proxecto no marco da Rede Eusumo da Xunta que identifica as áreas de innovación nas que a tecnoloxía pode mellorar o coidado das persoas maiores, por exemplo con ferramentas ferramentas para o acompañamento a distancia e para a estimulación cognitiva ou a creación de sensores para a monitoraxe dos usuarios dos movementos e rutinas dos usuarios. Tamén, coa materialización de instrumentos de asistencia domiciliaria.
Dirixido a coñecer que uso fan dos dispositivos tecnolóxicos tanto as persoas maiores como os centros de día e residencias, así como a identificar boas prácticas e oportunidades de emprendemento, os resultados deste proxecto presentáronse este venres 11 de outubro na sede da Vicerreitoría do Campus de Vigo, no marco da xornada As novas tecnoloxías como impulsoras do emprendemento no sector da economía dos coidados e da economía social.
O catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador da Rede Eusumo na UVigo, José María Cancela, informou que o informe é o resultado final dun proxecto que buscaba tanto identificar as ferramentas tecnolóxicas existentes no sector e coñecer “como se están e empregando e que aceptación teñen”, como pór de relevo o papel “fundamental” da economía social “para levar a cabo propostas innovadoras” neste eido.
Tomando como punto de partida o envellecemento poboacional de Galicia, o informe Usos das novas tecnoloxías e da Intelixencia Artificial como factor de impulso do emprendemento en economía social no eido da economía dos coidados sinala este sector “como unha área emerxente” e identifica unha serie de “áreas de innovación”. Concretamente, o desenvolvemento de sensores de monitoraxe, vinculados, apuntou Cancela, “á práctica de exercicio físico, fundamental para manter a súa independencia e calidade de vida”. os proxectos de "estimulación cognitiva dos maiores que viven en residencias”; os instrumentos de asistencia domiciliaria e de apoio nos centros e o desenvolvemento de aplicacións de apoio á nutrición, de ferramentas de “acompañamento a distancia” e de plataformas dixitais.
Partindo deste marco, identificaron unha serie de “oportunidades de emprendemento”, como as relacionadas co uso da domótica, na que se insiren tanto os sensores de movemento como o uso de asistentes de voz; o desenvolvemento de “produtos de acompañamento e atención a familiares”; ou “a educación tecnolóxica para maiores”, así como o desenvolvemento de aplicacións ligadas ao seguimento a distancia.
Os resultados dunha enquisa sobre o uso destas tecnoloxías entre as e os maiores galegos permitiron constatar en primeiro termo a persistencia dunha “fenda dixital”, xa que o 56% das e dos participantes non contaba cun dispositivo móbil con acceso a Internet. Aqueles e aquelas que si os empregaban utilizaban maioritariamente o móbil, aínda que “non dedicaban nin unha hora o día a tarefas relacionadas co acceso a internet e a aplicacións tecnolóxicas". Entre estas, as máis empregadas son WhatsApp e Facebook, xunto con Youtube, que pode constituír “unha vía de acceso para ensinarlles a empregar estas tecnoloxías”, sinalaron os responsábeis deste estudo. Pola contra, “o gran reto que persiste aínda” é que apenas empregan este tipo de dispositivos para xestións bancarias, sanitarias ou administrativas.
O proxecto abrangueu tamén unha enquisa a responsábeis de residencias e centros de día, que permitiu constatar que “nestes últimos anos estiveron implantándose terapias relacionadas coas novas tecnoloxías ou actividades para ensinarlles a empregalas”. Concretamente, o 75% dos centros participantes leva a cabo iniciativas deste tipo, sendo neste caso as tabletas o dispositivo máis empregado, “aínda que preto da metade” utilizaron tamén lentes de Realidade Virtual.