A UVigo fortalece con Vietnam o seu Mestrado en Ciberseguridade

xoves, 13 de decembro do 2018 Redacción

A Universidade de Vigo vén de asinar un acordo de colaboración coa Universidade de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City (Vietnam) para dar pasos conxuntos en materia de formación en ciberseguridade. Máis polo miúdo, o que se busca é establecer sinerxías para axilizar a mobilidade internacional dos estudantes locais do Mestrado en Ciberseguridade da UVigo e a UDC, así como a acollida de estudantes vietnamitas nas aulas dos campus vigueses. O acordo é froito do proceso de internacionalización no que está mergullado a institución académica galega. Foi asinado polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, na cidade vietnamita de Ho Chi Minh, con representantes da universidade local.
Como dixemos, a cerna do acordo é a ampliación e impulso do Mestrado en Ciberseguridade, que arrancou neste curso con carácter interuniversitario, impartido pola EE de Telecomunicación de Vigo e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, nunha “aposta conxunta e estratéxica polo eido da seguridade informática”. A UVigo, para contextualizar o devandito convenio, lembra que outros dos piares do mesmo é o proxecto Erasmus+ LMPI, unha iniciativa na que están implicadas 18 universidades de seis países europeos e dous asiáticos co “obxectivo de mellorar a formación en protección tecnolóxica nas universidades obxectivo de Vietnam, Moldavia e Kazakhstán”. En concreto, o equipo da Universidade de Vigo, coordinado pola profesora Ana Fernández Vilas, encárgase das tarefas de definición e posta en marcha de programas de grao e máster en tres universidades de Vietnam: a de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City, a Universidade de Agricultura de Hanoi e a Universidade de Tecnoloxía de Hanoi.
Estes son os alicerces sobre os que asenta a devandita alianza de titulación dupla para o Mestrado en Ciberseguridade, que se ratificou nunha xuntanza que reuniu a pasada semana en Ho Chi Minh City a todos os socios do proxecto LMPI. Nesta reunión Vigo estivo representada polo director da EET, Íñigo Cuiñas e polo profesor do centro Manuel Fernández Veiga.

PUBLICIDADE