A UVigo imponse ás universidades de Cádiz e Madrid na Final do Desafío Optidrone
luns, 24 de novembro do 2025
A UVigo, en colaboración coa HTA da Zona Franca de Vigo, convidou a estudantes de universidades de toda España a deseñar o seu propio dron a través do Desafío Optidrone, un reto que puxo en marcha o Grupo de Enxeñaría de Fabricación (GEF, liderado polo profesor Diego Carou, e o Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación (GIDEIN) da universidade viguesa, coa intención de animar ao alumnado de diferentes enxeñerías a utilizar o deseño xenerativo e a optimización topolóxica para minimizar o consumo de combustible e as emisións.
E finalmente conseguírono e con éxito. Este venres 21 de novembro, na gran final celebrada en formato híbrido nas instalacións da HTA, a incubadora de alta tecnoloxía de Zona Franca en Bouzas e coa presenza do delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, Carlos Calvillo Romero, estudante de 3º grao da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, impúxose co seu deseño de dron aos seus compañeiros e compañeiras da propia Uvigo, da Universidade de Cádiz e da Carlos III de Madrid. Así o considerou o xurado internacional que valorou as seis propostas finalistas.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, felicitou ao gañador e aos cinco finalistas: tres estudantes da UVigo que foron sexto, quinta e cuarto; un alumno da Universidade Carlos III de Madrid ocupou o terceiro posto, e un estudante da Universidade de Cádiz quedou no segundo. Os premios foron un vehículo aéreo non tripulado para o gañador, unha impresora 3D para o segundo e un Cadmouse para o 3º.
David Regades puxo en valor o talento e a excelencia da UVigo por poñer en marcha este tipo de iniciativas que “entroncan directamente coa innovación que defendemos e practicamos na Zona Franca en proxectos moi transformadores, nos que a Universidade é precisamente o noso socio estratéxico, como é o caso da planta de semiconductores fotónicos”. O delegado, que destacou a potencia do sector aeronáutico e aeroespacial co Hub de Porto do Molle e empresas que son referentes no Estado, aproveitou tamén a presenza dun grupo de estudantes do IES Santo Tomé de Freixeiro, para animalos a interesarse polas enxeñerías, “especialmente ás mozas para que pronto teñamos a moito mulleres nas carreiras STEAM”.
Desafío OptiDrone é un concurso de deseño de drons orientado a fomentar a creatividade e as habilidades en deseño CAD. É a primeira edición do certame que tivo unha primeira fase de peneira de proxectos que se realizou por votación na rede social LinkedIn. Este venres 21 os finalistas presentaron as súas propostas baseadas nas estratexias de optimización topolóxica e deseño xenerativo, unha ferramenta que permite combinar deseño, estudo de materiais, análise estrutural e mesmo a fabricación desde a mesma etapa de deseño conceptual.
