A UVigo impulsa tecnoloxía de datos e algoritmos para a detección temperá de problemas de equilibrio

mércores, 16 de abril do 2025 S. P.

A Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) concedeu ás universidades de Vigo e León a patente dun sistema de avaliación do equilibrio dinámico e do risco de caídas durante a marcha en persoas maiores e adultos. Esta innovación é froito das investigacións desenvolvidas nos últimos anos por José Luis García Soidán e Vicente Romo, do grupo de investigación Hi10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, xunto con Raquel Leirós e José Alberto Benítez, da Universidad de León.
Este sistema baséase no uso dun acelerómetro, un dispositivo que mide as aceleracións do centro de gravidade do corpo, conectado a unha unidade de procesamento de datos cunha arquitectura de algoritmos que interpreta os datos xerados por este dispositivo, permitindo, explican os seus responsábeis, “detectar de xeito temperá a existencia dun deterioro no control postural” que incrementaría o risco de sufrir unha caída.
O sistema recollido nesta patente parte da ausencia de ferramentas de “avaliación precoz” do equilibrio “que sexan sensíbeis aos pequenos cambios no funcionamento dos sistemas de control postural”, sinala o equipo responsábel deste traballo.
García Soidán apunta que as probas de “equilibrio estático” que se levan a cabo nunha contorna clínica, aínda que posibilitan identificar limitacións no control postural, non permiten anticiparse para detectar “que unha persoa está en risco” de padecer problemas de deterioro de equilibrio. “Con esta ferramenta, fomos capaces de resolver este problema”, engade o investigador, que lembra que o risco de caídas increméntase coa idade, de tal xeito que, segundo a OMS, estímase que o 35% das persoas maiores de 65 anos e o 65% das maiores de 80 sufrirán, cando menos, unha caída ao ano.
Concretamente, o sistema recollido nesta patente abrangue un conxunto de algoritmos que procesan os sinais capturados polo acelerómetro nos eixes vertical, medio-lateral e antero-posterior, durante a realización dunha proba consistente en percorrer varias veces unha distancia de dez metros. “A unidade de procesamento de datos está configurada para determinar a existencia dunha alteración do equilibrio dinámico que xera risco de caídas durante a marcha”, explican, cando se alcanzan os limiares fixados nas variábeis que o equipo investigador identificou como “representativas do equilibrio durante a marcha”. Para iso, lembra García Soidán, realizáronse previamente un conxunto de medicións con persoas con e sen “algún tipo de patoloxía de desequilibrio”, o que permitiu “determinar cales son os valores mínimos onde comeza o risco”.
Nesa mesma liña, Raquel Leirós destaca que "se os valores de aceleración rexistrados indican que o control postural da persoa é insuficiente ou que hai certo risco de caídas, a tecnoloxía detectaría que efectivamente hai unha alteración no equilibrio, ou sexa, tería capacidade diagnóstica, de forma incluso preditiva, de que pode suceder unha caída en certa persoa". Isto faría posíbel, engade a profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de León, identificar persoas "con maior risco de caídas, permitindo tratalas de forma preventiva e máis eficiente e vai permitir diagnosticar de maneira sinxela e precisa na contorna clínica o risco de caídas mentres unha persoa anda, empregando tecnoloxía portátil dun custo relativamente accesíbel".
Este sistema, como lembra García Soidán, podería empregarse tanto en medicina e nas ciencias da actividade física e do deporte, como en enfermaría, podoloxía, fisioterapia, neuroloxía ou ortopedia. Os investigadores recoñecen o “interese no mundo empresarial” por esta tecnoloxía, motivado en boa medida “polo envellecemento da poboación”, como destaca Romo, en comunidades como Galicia, “nas que unha de cada catro persoas ten máis de 65 anos”.