A UVigo intégrase na organización que impulsa o avance dos sistemas de comunicación 5G

luns, 2 de outubro do 2017 Redacción

O investigador da Universidade de Vigo, Felipe Gil

A Universidade de Vigo xa é membro oficial da entidade internacional que traballa nas tecnoloxías de comunicación 5G, que é a nova xeración de banda larga sen fíos, con capacidade para meirandes velocidades, cobertura e funcionalidades cá actual (a tecnoloxía LTE-4G) e con potencial para ser 100 veces máis rápida. A entidade internacional na que vén de xuntar forzas a UVigo non é outra que a OpenAirInterface (5G software alliance for democratising wireless innovation), unha alianza que promove a creación de novas solucións abertas para o núcleo de rede (EPC), a rede de acceso e os equipos de usuario para as futuras redes de comunicación 5G.
Segundo informa a Universidade, a súa concorrencia materialízase a través da área Data Networks de AtlantTIC, sendo o investigador do grupo GTI Felipe Gil a persoa que se encargará de xestionar esta colaboración. Segundo explica, OpenAirInterface Software Alliance é “unha organización sen ánimo de lucro que se financia con contribucións dos socios empresariais e que busca avanzar nas tecnoloxías de comunicación 5G”. Para iso, engade, “a organización está desenvolver compoñentes software que permitan crear unha rede de comunicación 4G ou 5G empregando hardware comercial ao alcance de calquera”. Segundo salienta Gil, “esta organización está a dar forma ás pezas que farán posíbel que o avance na creación dos sistemas de comunicación 5G sexa máis rápido, xa que ao publicalas como código libre facilítase a participación de máis entidades e investigadores, e até agora, a maior parte da investigación só a podían facer os grandes vendedores de equipos de telecomunicación”.
Entre os membros desta institución está Eurecom, centro de investigación francés que lanzou a iniciativa, así como empresas como Nokia (cos seus laboratorios de investigación Bell Labs), Fujitsu, Orange, Technicolor e TCL (propietarios das marcas Alcatel e Thomson) ou diversas universidades e entidades de investigación como universidades estadounidenses, francesas, inglesas, alemás, chinesas e españolas.
A entrada da institución viguesa nesta asociación responde á estratexia aliñada coas novas tecnoloxías NFV (Virtualización de funcións de Rede) e SDN (Redes Definidas por Software) aplicadas especificamente ao novo marco tecnolóxico que abre o 5G. Así, a Universidade de Vigo participará “nunha iniciativa punteira mundial” que xa está achegando resultados que van cambiar os sistemas de comunicación móbiles. Por un lado, engade, “permítenos estar ao día das últimas novidades e, por outro, contribuír e influír neses avances”.

PUBLICIDADE