A UVigo lanza a 5ª edición do catálogo Quero ser investigadora
venres, 6 de xuño do 2025
A Universidade de Vigo dá un novo paso no fomento vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, e fíxoo coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada. Inclúe, deste xeito, entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.
“O catálogo Quero ser investigadora renóvase para ofrecer un formato máis acorde coa evolución das cativas e cativos aos que se dirixe”, destacan Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, na entrevista que abre a publicación.
“Esta nova entrega preséntase como un volume único que recolle conversas en estilo directo con investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar unha conexión máis próxima e auténtica cos lectores e lectoras”.
Como parte desa vontade de achegarse ao público, a edición opta pola fotografía como fío visual do relato, a través da mirada da fotógrafa Charo Lopes (Boiro, 1988).
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía. “Os camiños que seguen estas mulleres son múltiples e amosan que non hai unha única maneira de chegar á investigación, senón que cada traxectoria está atravesada por decisións persoais, curiosidades, obstáculos superados e paixón polo coñecemento”, subliñan dende a UCC+i.
Como dixemos, o catálogo arranca cun prólogo en formato entrevista con Belén Rubio e Mónica Valderrama, unha conversa que serve de pórtico para as dez historias que seguen: as historias de Ana Ulla Miguel, catedrática en Astrofísica e investigadora do CIM; da profesora das facultades de Belas Artes e Deseño Silvia García González; da enxeñeira Mercedes Solla Carracelas, investigadora do grupo Geotech e do CINTEX; de Susana Rodríguez Barcia, profesora de Lingua Española e investigadora no grupo Grades e membro do iLingua; da economista de Ecobas Olga Alonso Villar; da profesora Susana Álvarez González, decana da Facultade de Dereito; de Emma Torres Romay, decana da Facultade de Comunicación; de Estefanía Paredes Rosendo, especialista en Criobioloxía Mariña e investigadora do CIM; de Julia Carballo Rodríguez, profesora na Facultade de Ciencias e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación; e de Laura Salonen, investigadora Ramón y Cajal do CINBIO especializada en nanomateriais.
Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas, eliminando barreiras cognitivas e facilitando a comprensión para persoas con dificultades lectoras, trastornos do neurodesenvolvemento ou que simplemente prefiren unha lectura máis directa.
Como en edicións anteriores, o catálogo conta cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A proposta complétase cunha guía didáctica e contidos interactivos elaborados na plataforma Genially, co obxectivo de facilitar o traballo co catálogo nas aulas.