A UVigo lanza nas redes un vídeo-chamamento para impulsar a vocación TIC nas rapazas

venres, 26 de abril do 2019 Redacción

Este 25 de abril celebramos no mundo (e na nosa terra) o Día Internacional das Rapazas nas TIC e a Universidade de Vigo quixo implicarse nesta importante conmemoración. E fíxoo a través a primeira actividade impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo: un vídeo lanzado ás redes sociais por tres investigadoras e docentes (Yolanda Blanco, do Departamento de Enxeñaría Telemática; Alma Gómez, do Departamento de Informática e Beatriz Legerén, do Departamento Comunicación Audiovisual e Publicidade) que fan nel un chamamento ás nenas e mozas para que aposten polos estudos e as profesións TIC. O vídeo divulgativo espallouse baixo o cancelo #euinvesTICgo.
Cada unha das tres protagonistas explica nesta peza audiovisual os porqués da relevancia das TIC para o avance social e científico e por que precisa dunha compoñente feminina. Por exemplo, Yolanda Blanco lembra que “a tecnoloxía é un campo aberto en evolución constante”, mentres que Beatriz Legerén convida ás nenas a estudar neste ámbito “para poder comprender mellor o mundo”. Alma Gómez engade que, aínda que moitas veces non teñan a visibilidade que merecen, no eido da tecnoloxía houbo mulleres que desenvolveron papeis moi relevantes, como Ada Lovelace, “a primeira programadora da historia”.
Con esta campaña, a UCC+i da Universidade de Vigo inaugura as súas redes sociais (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter) e arranca un plan anual de actividades baixo o título de Unha Cuestión de Ciencia.
A UCC+i, que depende da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, foi creada o pasado mes de novembro de 2018 co fin de “mellorar a formación, a cultura e os coñecementos científicos da cidadanía, converténdose nun axente fundamental na difusión e divulgación da ciencia e innovación da Universidade de Vigo”. Para iso, dende este servizo estase tamén impulsando o ciclo Conversa sobre cambio climático en colaboración coas vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e Investigación. O obxectivo destas conferencias é analizar, con carácter divulgativo e dende un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quecemento global e o cambio climático.

PUBLICIDADE