A UVigo lanza o cuarto volume do catálogo Quero ser investigadora

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

A UVigo vén de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora. Faino co obxectivo de dar visibilidade ás investigadoras dos campus e espertar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre a mocidade da nosa terra. Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. No volume participan Herminia Domínguez (CINBIO), Marta Conde (CIM-UVigo) ou Laura Docío (atlanTTic), entre ouras.
O catálogo ábrese coa participación da docente e investigadora do Departamento de Lingua Española Inmaculada Anaya Revuelta, que destaca a importancia de manter a ilusión e as ganas de traballar e aprender cousas para despois transformalas e facerllas chegar á sociedade.
Marta Conde Sieira, investigadora no eido da Bioloxía Mariña no grupo de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura, PhysToFish, do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), fainos pensar nas grandes científicas como Marie Curie ou Rosalind Franklin, “elas, ademais de ser boas investigadoras e achegar moito á ciencia, foron tamén unhas mulleres moi valentes que non se renderon a pesar dos obstáculos”.
Pola súa banda, a enxeñeira de Telecomunicación do Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic, o Centro de Investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Laura Docío Fernández, fálanos neste libro da súa paixón pola tecnoloxía e o seu traballo en proxectos pioneiros no procesamento de sinais e recoñecemento de lingua de signos.
Para Herminia Domínguez González, do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostíbel (EQ-2) do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, “a diversidade é riqueza”. Destaca, ademais, a necesidade de colaboración para afrontar os novos retos e atopar novas solucións na actualidade. “A investigación esixe traballo en grupo”, establece.
Ana Belén Fernández Souto conta neste libro que sempre foi unha apaixonada da Publicidade e a Comunicación. A investigadora do grupo de Comunicación Persuasiva (CP2) afirma que “ante as dificultades é importante apoiarse nas compañeiras e compañeiros de profesión”.
Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, María Dolores Garza Gil, investigadora adscrita ao centro de investigación interuniversitario Ecobas, establece que “o que máis lle gusta do seu traballo e contribuír a mellorar o progreso e o benestar da sociedade actual e das xeracións futuras.
Ademais, Águeda Gutiérrez Sánchez, conta nesta publicación algunhas das dificultades coas que se atopou por dedicarse á educación física nun momento no que nese ámbito as mulleres eran minoritarias. A docente e investigadora do grupo de Educación, Actividade Física e Saúde (GIES10) transmítelle aos lectores a importancia da perseveranza.
No caso de Elena Martín Ortega, investigadora no grupo de Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE), lembra neste catálogo como sempre lle atraeu o proceso de ensinar e como admiraba a profesión do seu pai, que era profesor.
Para Isabel Mociño González, filóloga e investigadora especialista en literatura infantil, “termos unha sociedade lectora é termos persoas pensantes, menos manipulables”. Docente na Facultade de Educación e Traballo Social pertence ao grupo de investigación de Literatura infantil e xuvenil angloxermana e a súa tradución (AI1).
O catálogo péchase con Xanel Vecino Bello, do Grupo de Enxeñaría Química 10 (EQ10) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX. “Eu coido que a investigación é unha maneira de ver a vida. Fai que sexa unha persoa curiosa”, explica ao inicio do seu texto. O seu traballo céntrase na economía circular, a sustentabilidade e a simbiose industrial.
Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i). Dirixida ao alumnado de ensino secundario, tanto ESO como Bacharelato, conta cunha edición en papel que se está a distribuír nos institutos de toda Galicia, así como dunha versión dixital. A maiores o libro acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, de cara a facilitarlle ao profesorado o traballo co catálogo nas aulas.

PUBLICIDADE