A UVigo lanza un manual para clarificar a linguaxe informática VHDL

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 68.3 KB
O docente da Universidade de Vigo Carlos Castro

A Universidade de Vigo vén de presentar un manual para enxeñaría que mostra os conceptos básicos da linguaxe informática VHDL, un dos códigos máis salientábeis a nivel internacional no eido da descrición de soportes físicos. O manual, dispoñíbel para consulta, vén da man do docente do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, Carlos Castro, e o enxeñeiro de Cesinel, José Benito Castro.
Segundo fan saber os irmáns Castro, trátase dun instrumento clarificador: pon ao alcance do común dos estudantes as cuestións teóricas e prácticas relativas ao deseño e construción dos sistemas dixitais, facendo máis accesíbel a descrición de hardware. O manual titúlase VHDL sintetizable para estudiantes de Ingeniería.
Os motivos que levaron a edición deste libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, son dous. Por unha banda, a pretensión era a de “elaborar un manual de apoio para o alumnado dos graos de enxeñaría no que estivera toda a información que non da tempo a contar nas clases”, nas que se empregan 185 diapositivas para ensinar a describir a linguaxe VHDL. O profesor Carlos Castro explica que “hai información que se explica oralmente e o alumnado non a ten en conta para os apuntamentos, polo que o seu nivel non é suficiente para manexar esta linguaxe”.
Por outra banda, José Castro explica que o obxectivo era ter un instrumento útil do que botar man no que se refire ao uso da dita linguaxe: “A ambos, e supoño que a outros moitos enxeñeiros, ocórrenos que, cando estamos un tempo sen usar a linguaxe VHDL, esquecemos cousas ou temos dúbidas de como utilizalas axeitadamente”, explica, engadindo que a resposta ao devandito foi “publicar un libro no que se puidesen consultar as dúbidas sen ter que ler moreas de páxinas ou sen ter que pescudar en diversas fontes por mor de non atopar unha explicación ou un exemplo”.

PUBLICIDADE