A UVigo lidera o proxecto de creación da primeira plataforma de cursos en liña de Marrocos
xoves, 12 de xaneiro do 2017
A
Universidade
de Vigo presentou hoxe un ambicioso proxecto para crear a primeira
plataforma de cursos en liña (MOOC polas súas siglas en inglés) en
Marrocos, que a institución académica galega coordinará en
colaboración con media ducia de socios europeos. O proxecto,
coñecido como MarMOOC, abranguerá unha completa oferta de cursos
masivos, de partida doce como mínimo, e de seis cursos privados como
proposta de arrinque. A plataforma centrarase en media ducia de áreas
de coñecemento prioritarias para o país norteafricano como son a
economía e administración de empresas, dereito, ciencias,
enxeñaría, pesca, agricultura e saúde.
Participan
en MarMOOC as seguintes universidades do país magrebí: Université
Abdelmalek Essaadi, Université Ibn Tofail, Université Moulay
Ismail, Université Ibn Zohr, Université Internationale de Rabat,
Université Privée de Marrakech, así como o Ministerio de Educación
Superior de Marrocos. Todas estas entidades poderán, a través deste
proxecto europeo, avanzar durante os vindeiros tres anos no proceso
de afianzamento e medre do que a Universidade de Vigo cualificou de
“enfoque de ensino e aprendizaxe híbrido, que combina o ensino
tradicional en persoa e a aprendizaxe a distancia a través dos
últimos avances tecnolóxicos e pedagóxicos, como son os MOOC e
SPOC”.
A UVigo contará nesta iniciativa co apoio da Universidade de León, o
Instituto Real de Tecnoloxía de Suecia, a Vrije Universiteit Brussel
de Bruxelas, a Universidade de Tecnoloxía Química e Metalúrxica de
Sofía, Bulgaria, a Universidade de Pierre e Marie Curie de París,
Francia, e a Rede de Universidades das Capitais de Europa. O proxecto
consolida as accións de cooperación internacional que a institución
viguesa desenvolve desde 2002 coas universidades de Marrocos e en
especial coa Université Abdelmalek Essaadi.
Na reunión
de lanzamento do proxecto, que se celebrou hoxe na Escola de
Enxeñaría de Telecomunicación, o reitor da Universidade de Vigo,
Salustiano Mato, amosouse convencido que de este proxecto “vai ser
un chimpo cualitativo que nos permitirá camiñar xuntos, aprender
uns dos outros e facer as cousas mellor para o noso alumnado”. E
engadiu: “Estamos moi interesados en colaborar para fomentar esta
forma de hibridar o xeito de ensinar sen perder a esencia do ensino
universitario rigoroso e excelente”. Mato tamén fixo fincapé na
aposta da Universidade de Vigo por “empregar as novas tecnoloxías
de xeito intelixente, para evitar que a non presencialidade non
diminúa o rigor e a excelencia académica”. Igualmente, achegou un
chamamento a non caermos “no exceso de información que chega a
través da Rede e que afecta á sociedade”.
O
proxecto, explicou, executarase arredor de cinco eixos principais:
apoiar aos socios das universidades marroquís no deseño e produción
de contidos educativos innovadores; dotar dunha plataforma compartida
para os cursos en liña; sensibilizar en relación coa a aprendizaxe
a distancia na educación superior en Marrocos e reforzar as
capacidades do persoal docente e técnico, a través de formación
específica impartida na Universidade de Vigo e na Universidade de
Pierre e Marie Curie de París, en relación coa aprendizaxe a
distancia e a instalación de equipamento específico TIC para as
universidades norteafricanas a través do financiamento recibido da
UE.