A UVigo loce titulacións nas redes sociais

mércores, 12 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo recomezou a actividade académica coa vista posta nas redes sociais. Sobre todo, para captar alumando en titulacións que por diversos motivos non teñen o gancho que si que teñen outras carreiras. Ao longo dun mes e a través de Instagram, Twitter, Facebook e Youtube difundiranse pezas de 15 segundos, destinadas, cada unha delas, a incrementar a matricula nos graos en Comercio; Enxeñaría Forestal; Enxeñaría Agraria; Dirección e Xestión Pública; Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxía; Enxeñaría da Enerxía e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.
Segundo fixo saber a vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, para cada grao saliéntase unha potencialidade específica de seu, mostrando un dos portes fortes que implica cursar o estudo en cuestión. A vicerreitora tamén destaca o importante papel que nas pezas, coa etiqueta #SomosUVigo, xogan as persoas. Xunto ás pezas audiovisuais, esta acción de difusión complétase con gráficas en autobuses, carteis e exteriores cunha imaxe xenérica, acompañada da frase Somos a experiencia, a confianza e o lugar onde cremos nas persoas.
As pílulas audiovisuais (teasers) foron creadas por un equipo de ex alumnas e alumnos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que “demostraron gran capacidade creativa e de realización”, en palabras de Mónica Valderrama, que explica que Gabriel Martínez foi o director e “as e os protagonistas son estudantes ou tituladas e titulados da Universidade de Vigo”.

PUBLICIDADE