A UVigo organiza unha xornada sobre IA xerativa e a lingua galega

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

A Área de Normalización Lingüística (ANL) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo organizan unha xornada sobre IA xerativa e a lingua galega. Trátase dun evento aberto a todos os públicos onde se analizarán os retos e oportunidades que a intelixencia artificial supón para o noso idioma. Celébrase o 21 de abril baixo o epígrafe A IA xerativa tamén en galego. Será na Aula 1 do Edificio Redeiras (praza do Berbés, Vigo).
A xornada está dirixida principalmente ao profesorado universitario e ao persoal investigador das áreas técnicas. En particular, inclúe os ámbitos da Enxeñaría, a Informática, as Telecomunicacións e as Humanidades Dixitais, con interese en incorporar a intelixencia artificial xerativa á práctica docente e investigadora e en facelo en galego como lingua académica. Tamén pode resultar de interese para o profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato das materias científico-tecnolóxicas, que desexe explorar o uso da IA na aula e coñecer recursos para empregar terminoloxía técnica en galego.
Os obxectivos da xornada son explorar o potencial da intelixencia artificial xerativa no ámbito académico empregando o galego como lingua de traballo, así como ofrecer ao profesorado referencias e orientacións prácticas para integrar estas ferramentas na docencia e na investigación.
O comité organizador está formado por Manuel Caeiro Rodríguez (Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo) e Benigno Fernández Salgado (Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ANL).
As inscricións están abertas ata o 20 de abril de 2026, mediante o formulario dispoñible na web da xornada.
Programa de actividades
17:15 h — Inauguración
-Rebeca Díaz Redondo. Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
-Benigno Fernández Salgado. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
17:30 – 18:30 h — Mesa redonda
Recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico.
Tratarase o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da IA. Presentaranse recursos lingüísticos e terminolóxicos dispoñibles para a docencia en galego e reflexionarase sobre os retos e as oportunidades que presenta a IA para a nosa lingua.
Participantes:
-Manuel González González. Catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e director de Termigal.
-Adina Ioana Vladu (ILG-USC). Investigadora posdoutoral en lingüística, recursos lingüísticos e tecnoloxías da fala, e membro do proxecto Nós.
-Iolanda Galanes. Profesora titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo.
18:30 – 19:30 h — Mesa redonda
A IA xerativa e a práctica académica no ámbito tecnolóxico.
Presentarase o libro A intelixencia artificial xerativa na práctica académica e reflexionarase sobre o impacto que están a ter estas ferramentas na docencia e na investigación. Compartiranse experiencias e recomendacións prácticas sobre como integrar estas tecnoloxías no traballo académico, desde a elaboración de materiais docentes ata o apoio á aprendizaxe e á investigación, analizando tamén os retos pedagóxicos, éticos e metodolóxicos que supón o seu uso nas áreas tecnolóxicas.
Participantes:
-Manuel Caeiro Rodríguez. Catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo.
-Margarita Rosa Pino Juste. Catedrática do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Universidade de Vigo.
-Andrea Fernández Sánchez. Profesora axudanta doutora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña.
19:30 h — Clausura da xornada
-Susana Reboreda Morillo. Vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.
-Manuel Caeiro Rodríguez. Enlace de galeguización da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.