A UVigo participa na creación dunha rede internacional sobre o impacto social das tecnoloxías

venres, 31 de outubro do 2025 S. P.

A idea de que na actualidade as novas tecnoloxías definen en boa medida o período que atravesa o planeta constitúe a orixe da Rede Internacional na Era do Tecnoceno, impulsada por unha vintena de investigadoras e investigadores de diferentes países, entre as que se atopa a decana da Facultade de Comunicación da UVigo, Emma Torres.
Torres participou os días pasados na Universidad de La Frontera, en Chile, nun seminario centrado en pór en marcha esta rede, que tivo como obxectivo promover unha reflexión sobre as implicacións sociais ou culturais das transformacións xeradas pola tecnoloxía.
A creación desta rede internacional, que reúne persoal investigador de diferentes países europeos e americanos, insírese nun proxecto financiado pola Agencia Nacional de Investigación y Desarrollo de Chile, coordinado por Carlos del Valle Paula Flores. O seu propósito é “fortalecer a vinculación das universidades para a investigación na Era do Tecnoceno, entendida como a era na que as tecnoloxías dixitais, os algoritmos e a intelixencia artificial constitúen a contorna estrutural da existencia social”.
Liderada pola Universidad de la Frontera xunto coas universidades arxentinas de Bos Aires e Nacional de Quilmes, esta rede conta coa participación das universidades de Vigo, Sevilla e Alacante, da Sapienzá Universitá di Roma, da Pontificia Universidad Javierana de Colombia, da peruana Universidad Nacional Mayor de San Marcos e da Universidad Austral de Chile.
Dirixida a “fortalecer a investigación colaborativa interdisciplinaria”, sinalan os seus responsables, esta rede prestará especial atención aos “procesos innovadores” no eido da comunicación, aos “marcos regulamentarios emerxentes” e ás cuestións éticas derivadas das innovacións tecnolóxicas nunha época, sinalan, “de uso tecnolóxico intenso e extenso”.
Torres salienta a relevancia concedida á comunicación nun proxecto que agrupa tanto especialistas neste eido, como en lingüística, antropoloxía, enxeñaría informática, ciencias xurídicas, socioloxía ou humanidades dixitais. “Aínda que hai tecnólogos, a rede pon moito énfase na parte da comunicación”, subliña a investigadora da UVigo, que incide en que os avances tecnolóxicos implican “uns cambios de carácter social, antropolóxico e cultural bastante importantes e a comunicación é clave para poder xestionalos”.
Xunto unha vintena de investigadoras e investigadores de Chile, Arxentina, Perú ou Colombia, Torres participaba nos últimos días “nas sesións de desenvolvemento desta iniciativa” no marco do seminario internacional Sociedad Digital y Comunicación en la Era del Tecnoceno. “Para nós esta rede é unha oportunidade. Acabamos de poñela en marcha e xa xurdiron moitos proxectos de colaboración posibles”, destaca a decana da Facultade de Comunicación, que incide no interese que ten para este centro unha iniciativa que contribúe a “recuperar lazos” con universidades de América Latina con liñas de investigación “moi semellantes ás nosas”.
Entre os obxectivos desta rede figura tamén o impulso dun manifesto internacional dirixido a sumar máis investigadores e investigadoras á abordaxe desta temática, así como o impulso dun observatorio temático.