A UVigo participa na dixitalización do sepulcro do arcebispo Bernardo II
xoves, 6 de novembro do 2025
A tumba máis antiga conservada dun arcebispo de Santiago de Compostela é a de Bernardo II, do século XIII, que se atopa na igrexa de Santa María de Sar, situada na capital galega. O Museo Colexiata de Sar desenvolve un proxecto de recuperación desta figura e ao seu abeiro, e por encargo do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo participou na dixitalización do sepulcro e na xeración dun modelo tridimensional preciso del.
Segundo explican desde o proxecto, Bernardo II, que gobernou a sé de Santiago de Compostela entre 1224 e 1237, decidiu renunciar ese ano e retirarse ao priorado de Sar, onde viviu como cóengo ata 1240. O seu corpo foi enterrado nunha tumba que consiste nun leito decorado con dúas elaboradas inscricións e unha tapa na que se esculpiu a efixie do arcebispo.
O Museo Colexiata de Sar está levando a cabo un proxecto cultural de recuperación da figura de Bernardo II. Esta iniciativa é continuación do programa MuSar Dixital, que está a poñer a disposición do público unha serie de recursos en liña relacionados coa arte e a historia deste importante conxunto monumental de Santiago de Compostela.
Neste contexto, a dixitalización do sepulcro realizouse grazas ao programa de subvencións FO215 da Deputación da Coruña e no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Os seus directores foron Victoriano Nodar, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ramon Yzquierdo, da Universidade de Santiago de Compostela. O deseño 3D e escaneado dixital foi realizado polo alumno do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural dirixido pola UVigo Alejandro Vázquez. A parte de documentación recaeu en Diego Fernández.
A tumba foi dixitalizada mediante técnicas de láser 3D de alta resolución, xerando un modelo tridimensional preciso. O proceso conservou tanto a morfoloxía xeral da peza como os detalles iconográficos da figura e as inscricións en relevo da cista. Posteriormente, aplicouse unha texturización realista mediante IA que reproduce fielmente a materialidade e a pátina superficial da pedra. O resultado, sinalan desde o proxecto, é “un rexistro dixital completo que facilita o estudo histórico e artístico, os estudos de conservación e a difusión do ben cultural sen arriscar danar o orixinal”. A dixitalización xa se pode ver na web musar.gal e en Youtube.
Todo este estudo, indican as entidades promotoras, “abrirá un novo camiño no descoñecido século XIII compostelán, xa que, ademais de realizar un estudo completo da tumba, buscarase dar a coñecer a súa figura a través das redes sociais, charlas e visitas”. De maneira complementaria, engaden, editarase un libro monográfico, no que historiadores, xunto a un epigrafista e unha restauradora, abordarán a figura de Bernardo II e o seu contexto histórico.
