A UVigo pon o foco no ámbito dixital nas súas celebracións polo 25N

martes, 19 de novembro do 2024 S. P.

A UVigo preparou un completo programa de actividades co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema Mirada á fronte: que a vergoña mude de bando e pondo o foco na translación da violencia machista ao ámbito dixital. O acto institucional da UVigo terá lugar o luns 25 na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense, coa celebración da xornada Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización.
Como dixemos, a UVigo porá o foco nesta edición do 25 na translación da violencia machista ao mundo dixital. Desde a Unidade de Igualdade sinalan que nos últimos tempos, as expresións de violencia machistas están a trasladarse ao ámbito en liña, ampliando as formas nas que se manifesta facilitada pola tecnoloxía. “A denominada pornificación da cultura atravesa os produtos mainstream das industrias culturais e os contidos nas redes e nas plataformas dixitais, normalizando a mercantilización dos corpos femininos”, advirten. O patriarcado 2.0, denuncian, espállase mediante contidos sexistas, misóxinos e de ciberviolencia, “onde a monetización da misoxinia está a converter as novas modalidades de explotación sexual nun negocio lucrativo”. Así, afirman dende a Unidade, “perpetúanse as desigualdades de xénero, que atentan contra os dereitos fundamentais das mulleres”.
Para abordar esta temática, a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense acollerá o 25 de novembro a xornada Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización. O evento está organizado polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade e conta con financiamento da Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia. A cita ten como responsables académicas a María Lameiras e Yolanda Rodríguez e a ela asistirán, entre outros, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. A xornada arrancará cunha conferencia sobre a explotación sexual das mulleres no universo dixital, a cargo de Ana de Miguel (Universidad Rey Juan Carlos) e outra sobre a pornificación da cultura no universo dixital, con Isabel Menéndez (Universidad de Burgos). Completará a programación os relatorios Puteros: Homes, masculinidades e prostitución, de Beatriz Ranea (Universidad Complutense de Madrid) e Pornografía e prostitución dixital, de Luis Ballester (Universitat de les Illes Balears).
A programación continuará o día 27, cunha conferencia sobre a ficción do consentimento sexual, de Rosa Cobo (Universidade da Coruña e presidenta da Rede Académica Internacional de Estudos sobre Prostitución e Pornografía) e a inauguración da exposición Compartir es vivir/sharing is living. Compromiso- educación-transformación. Tamén haberá unha mesa redonda sobre o negocio do sexo nos novos espazos dixitais: Onlyfans e Sugar Daddy, na que participarán a Federación de Mulleres Xóvenes e a Asociación Faraxa. Completa esta sesión a conferencia O ser e a mercancía no universo dixital, da xornalista, escritora e activista Kajsa Ekis Ekman, e a entrega de premios do concurso de vídeos Desconecta: tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e as nenas.
Alén deste acto institucional, diferentes facultades e escolas da UVigo organizan co gallo deste 25N diversas actividades. Igualmente a institución académica únese ao manifesto feito pola Rede de Unidades de Igualade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).