A UVigo presenta un libro pioneiro sobre deseño intelixente en contornas híbridas
xoves, 10 de xullo do 2025
A Universidade de Vigo acolleu esta semana a presentación do libro Design Thinking e Acción: Innovación e colaboración na aula híbrida con MIRO, publicado por Aula Magna. A obra, editada por Manuel Caeiro Rodríguez, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e Gustavo Zurita Alarcón, profesor da Universidad de Chile e director do Centro de Gestión de Información para los Negocios da UChile, propón unha guía práctica para aplicar a metodoloxía Design Thinking en contornas educativas híbridas mediante a ferramenta colaborativa en liña MIRO.
Dirixida a formadores, orientadores e profesionais da innovación, o libro achega unha orientación didáctica e práctica, ofrecendo recursos e actividades listas para aplicar na aula. “A guía diríxese a facilitar o traballo de instrutores ou orientadores en Design Thinking, indicando como levar a cabo cada unha das etapas para o que se recoñece o foco principal e sentido de cada unha delas”, explica Caeiro, engadindo que o obxectivo principal do libro é axudar a levar a cabo iniciativas e proxectos baseados na metodoloxía Design Thinking, incrementando o número de educadores/as que coñezan esta metodoloxía e que a poidan levar ao seu ámbito. “Pensamos que vai ser positivo tanto para eles como para os estudantes, pois poderán identificar cuestións clave para o desenvolvemento de proxectos que lles ofrecerán mellores resultados, acadando solucións máis acaecidas para os usuarios, e máis seguridade no proceso, garantindo que van a chegar a ofrecer unha solución”.
A presentación do libro celebrouse no Espazo Incuvi e foi conducido por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento. Xunto aos autores, participaron tamén na xuntanza algúns dos seus co-autores como Enrique Costa, Itziar Goicoechea e o ilustrador da obra, Mario Manso.
No evento tamén interviñeron, neste caso en liña, Roberto Álvarez, profesor titular da FEN UChile e Sebastián Arias, subxerente de financiamento de CORFO, que achegaron a súa visión sobre o impacto da obra.
O volume naceu da colaboración entre Caeiro e Zurita tras coincidir nun tribunal de tese na Universidade Pompeu Fabra no ano 2022. “Conversando sobre os nosos traballos respectivos decatámonos que os dous traballabamos con Design Thinking e tiñamos o mesmo problema de como levalo á práctica en contornas en liña e híbridas. Nós na Uvigo xa viñamos traballando nesta temática dende o 2015, en proxectos dirixidos por Manuel J. Fernández Iglesias, e tamén tiñamos impartido cursos de formación de profesorado”, declara Manuel Caeiro.
Desde o punto de vista dos editores, entre os aspectos máis destacados figura o uso de MIRO como ferramenta clave para a colaboración en tempo real, permitindo a participación activa do alumnado en contornas dixitais. A guía inclúe neste senso indicacións detalladas para habilitar cada fase do proceso, así como exemplos de aplicacións en ámbitos diversos: desde o turismo e a saúde ata o comercio ou a atención ás persoas maiores.
“MIRO funciona moi ben, aínda que haxa moitos usuarios, e permite visualizar non só o resultado do que fai cada un deles, por exemplo, incluír tarxetas (post-its), debuxar, organizar, agrupar, senón tamén ven onde están situados cada un dos participantes, para o que se marca a posición do seu rato. Ademais, permite integrarse con outras ferramentas como videoconferencia ou intercambio de documentos”, sinalan.
Os autores subliñan que, para que o Design Thinking funcione, é imprescindible a colaboración real e auténtica entre todos os membros do equipo, algo que supón un maior reto en contornas virtuais.
