A UVigo propón redes seguras para as mulleres e libres de agresións

luns, 25 de novembro do 2024 S. P.

A UVigo celebrou este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres máis, poñendo o foco nas agresións físicas e presenciais, pero tamén no ámbito dixital. A institución lembrou como as novas tecnoloxías “están amplificando o uso dos corpos das mulleres como obxectos e mercadoría”.
O acto institucional co gallo do 25N da UVigo tivo lugar este luns na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense e consistiu na celebración da xornada Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización. A actividade estivo organizada polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade contando con financiamento da Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia. Na súa inauguración, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, lembrou que “a bandeira da igualdade leva moitos anos levantada na UVigo” co obxectivo de contribuír a crear unha “sociedade máis xusta, máis san e máis feliz na que todos teñamos en igualdade as mesmas oportunidades para desenvolver as nosas carreiras e as nosas vidas sen medo”.
Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, destacou a importancia de sensibilizar e concienciar, e de xeito especial á mocidade, de que “a violencia está entre nós e que todos temos responsabilidades na loita contra ela”. Sobre a temática da xornada, o responsábel institucional puxo o aceno nas repercusións que ten “primeiro a invisibilización e logo a normalización” da prostitución no mundo dixital que, sinalou, está provocando que, entre outras cousas, baixe a idade das persoas que a exercen.
Na apertura da xornada, á que asistiron os vicerreitores Francisco Javier Rodríguez, Susana Reboreda e Maribel del Pozo e a secretaria xeral da UVigo María José Bravo, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, salientou que “a temática que quixemos abordar neste 25 N é a dixitalización do sistema prostitucional”, recalcando que “a prostitución é tamén unha forma de violencia contra as mulleres”. Pola súa banda, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, reivindicou “a educación pola igualdade para seguir avanzando” na loita contra a violencia de xénero e no camiño pola igualdade real e lembrou o compromiso do seu centro coa erradicación de calquera violencia contra as mulleres e nenas. “Non queremos nin podemos mirar para outro lado”, dixo.
A xornada tivo como responsábeis académicas a María Lameiras e Yolanda Rodríguez. Na apertura, a primeira indicou que “o 25 non é un día para celebrar, senón para reivindicar que a violencia de xénero non só é unha realidade que levamos arrastrando desde fai moitas décadas e séculos senón que é unha realidade que se está exponenciando a través das novas tecnoloxías, que non só incrementan o tipo de violencia senón que incrementan a cantidade de violencia que sofren as mulleres e nenas”. Así, denunciou como “as novas tecnoloxías o que fan é deslocalizar e diversificar as formas nas que as nenas e mulleres son violentadas e temos que intervir de maneira específica fronte a estes novos retos”. Tamén sinalou que na loita contra a violencia sexual e de xénero “non hai escusas”, lembrando que cada dez minutos se asasina a unha muller no mundo a mans da súa parella ou ex-parella.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a explotación sexual das mulleres no universo dixital, a cargo de Ana de Miguel, profesora titular de Filosofía Moral e Política na Universidad Rey Juan Carlos e na UNED. A convidada explicou que é “un feito verdadeiramente grave que o mundo virtual, o mundo dixital, que xurdiu coa promesa de que ía favorecer a democracia, a igualdade, etc, en grande medida tense convertido nun mundo que o que fai é facilitar enormemente a trata de mulleres e nenas para a explotación sexual”. Fronte a esta realidade, a relatora sinalou que “ás redes hai que pórlles límites”. Nestes senso indicou que “é unha vergoña que o estado non estea protexendo aos seus cidadáns” e pediulle aos gobernos “menos servidume con estas multinacionais da comunicación, da Intelixencia Artificial, etc. que se están forrando”. A filósofa experta en feminismo puxo o aceno na “pornografía brutal” que hai nas redes e como o que alí se publica “queda para sempre”, co que iso significa para as vítimas.
A esta conferencia seguiulle outra sobre a pornificación da cultura no universo dixital, con Isabel Menéndez (Universidad de Burgos) e a presentación do libro La industria pornográfica en Internet, coordinado por Lluís Ballester e Sandra Sedano e no que participaron membros do Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da UVigo. Completou a programación os relatorios Puteros: Homes, masculinidades e prostitución, de Beatriz Ranea (Universidad Complutense de Madrid) e Pornografía e prostitución dixital, de Luis Ballester (Universitat de les Illes Balears).
Máis programación o día 27
A programación continuará o día 27, cunha conferencia sobre a ficción do consentimento sexual, de Rosa Cobo (Universidade da Coruña e presidenta da Rede Académica Internacional de Estudos sobre Prostitución e Pornografía) e a inauguración da exposición Compartir es vivir/sharing is living. Compromiso- educación-transformación. Tamén haberá unha mesa redonda sobre o negocio do sexo nos novos espazos dixitais: Onlyfans e Sugar Daddy, na que participarán a Federación de Mulleres Xóvenes e a Asociación Faraxa. Completa esta sesión a conferencia O ser e a mercancía no universo dixital, da xornalista, escritora e activista Kajsa Ekis Ekman, e a entrega de premios do concurso de vídeos Desconecta: tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e as nenas.