A UVigo ratifica a súa continuidade na rede de Cátedras Telefónica

xoves, 21 de xullo do 2022 S. P.

A directora da Telefónica de España en Galicia, Paula R. Beirán, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron a renovación do contrato da Cátedra Telefónica, constituída na institución académica viguesa hai nove anos co obxectivo de “promover a aplicación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, as TIC, no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación para a mellora da sociedade”.
Ao abeiro da cátedra desenvolvéronse obradoiros, conferencias para o alumnado, ademais de participar, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, no congreso Smart Cities and Communities e no encontro Hack fo Good.
Coa renovación deste acordo, materializado no mediodía deste xoves 21 de xullo nun acto no que tamén participou o catedrático da UVigo e responsábel da Cátedra Telefónica, José Cidrás, a UVigo confirma a súa continuidade na rede de 24 cátedras que Telefónica ten en 26 universidades do eido estatal.
A directora de Telefónica España en Galicia destacou no acto de renovación a satisfacción da compañía pola colaboración coa Universidade de Vigo a través desta cátedra, así como a súa vontade de continuar a liña de traballo desenvolvida durante estes anos.
Estudantes da UVigo, gañadores no LEDU STEM Cátedras Telefónica
No acto a UVigo lembrou que hai dous meses os estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Santiago Janeiro e Guillermo Fernández, gañaron o LEDU STEM Cátedras Telefónica, un torneo para estudantes de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática, promovido por Telefónica e a Liga Española de Debate Universitario (LEDU) co obxectivo de “fomentar as habilidades transversais nos futuros líderes dixitais”. Así mesmo, Santiago Janeiro foi elixido mellor orador deste ano. Ambos alumnos tamén participaron na DigitalES Summit 2022.

PUBLICIDADE