A UVigo traballa nun proxecto europeo que reforza a anticipación das pemes tecnolóxicas: Astral

xoves, 18 de xuño do 2026 S. P.

En xaneiro de 2025 arrancou o proxecto europeo Astral (Anticipating Strategic Long-Term Challenges), unha ambiciosa iniciativa internacional que reúne nove socios de catro países, entre eles a Universidade de Vigo, e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros financiado polo programa Erasmus+.
Con el búscase capacitar ás pemes, novas firmas innovadoras e profesionais do sector tecnolóxico e universitario para identificar megatendencias e traducilas en estratexias con posibilidades de educación á par que sostibles, cun horizonte a dez ou vinte anos vista. Os seus membros afrontan agora a transformación do coñecemento adquirido ao longo destes meses en ferramentas prácticas e de utilidade.
O proxecto, que rematará en decembro de 2027, reúne entidades de Alemaña, Dinamarca, Francia e España, entre elas tres universidades, tres asociacións empresariais que tamén actúan como provedores de formación profesional continua, e tres pemes dos sectores tecnolóxicos.
A participación da Universidade de Vigo materialízase nun equipo formado por persoal docente e investigador do Campus de Ourense, concretamente da Facultade de Educación e Traballo Social (Maribel Doval, Manola Raposo, Javier Blanco e Jesús Deibe Fernández Simo), da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (Fernando Veiga), da Facultade de Ciencias (Juan Carlos Mejuto, Antonio Cid Sanmamed e Maruxa Alvarez) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Jesús Vázquez). Este equipo da UVigo está coordinado por Maribel Doval, do grupo HC1 e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social.
Na última xuntanza de socios de Astral, celebrada hai unhas semanas en Copenhague (Dinamarca) coa asistencia de Maribel Doval, os membros do consorcio puxeron en marcha o paquete de traballo centrado en transformar os resultados da prospectiva estratéxica e o pensamento a longo prazo abordados ata agora no marco do proxecto en ferramentas prácticas, metodoloxías formativas e recursos aplicables por empresas, especialmente pemes e startups dos sectores tecnolóxico e deep-tech.
O encontro reuniu a universidades, centros de investigación, entidades empresariais e organizacións especializadas en prospectiva estratéxica para avanzar no desenvolvemento de ferramentas que permitan ás pequenas e medianas empresas europeas anticipar os grandes desafíos do futuro e transformalos en oportunidades de innovación respectuosa co medio natural.
As sesións combinaron obradoiros colaborativos, dinámicas de cocreación e intercambios de experiencias. A participación da institución galega neste encontro, sinala Maribel Doval, “reforza o seu compromiso coa investigación aplicada, a innovación educativa e a transferencia de coñecemento orientadas a fortalecer a capacidade de adaptación das empresas ante escenarios de cambio cada vez máis complexos e incertos”.
O proxecto, engade, “ten como obxectivo principal fortalecer a capacidade da industria europea de alta tecnoloxía para identificar tendencias de longo percorrido (as denominadas megatrends) e convertelas en oportunidades de innovación, crecemento e xeración de impacto positivo”. Para iso, o consorcio está a desenvolver “un ecosistema de Long-Term Future Foresighting (LTFF) que integra educación superior, formación profesional, investigación, empresas e responsables políticos”. O consorcio de Astral reúne a entidades especializadas en prospectiva estratéxica, innovación educativa e planificación a longo prazo co propósito de "impulsar unha Europa máis preparada para afrontar os retos emerxentes e aproveitar as oportunidades derivadas das transformacións tecnolóxicas, económicas, sociais e ambientais". A través deste enfoque, a iniciativa busca dotar ás organizacións de competencias para pensar estratexicamente a 10 ou 20 anos vista, facilitando a toma de decisións en ámbitos marcados pola complexidade e a incerteza. “O proxecto promove unha visión integral da innovación, na que o éxito empresarial vincúlase tamén á capacidade de responder a retos sociais, ambientais e territoriais”, afirman.