A UVigo traballa nun software que avalía visualmente as variábeis dun equipo de fútbol

martes, 18 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo participa nun proxecto dun software que permite avaliar visualmente as variábeis tácticas, técnicas e de rendemento (colectivas e individuais) dun equipo de fútbol. A iniciativa, un prototipo de programa que se vén de presentar na revista Frontiers in Psycologhy, baséase no uso da información que nos chega, a cada intre, dende diversas frontes (neste caso os dispositivos GPS) e en grandes cantidades. No proxecto participan as universidades de Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Salamanca. A base do programa son animacións interactivas que permiten tomar as mellores decisións no transcurso dun partido.
Esta é a gran novidade da ferramenta informática desenvolvida no marco do proxecto Data-driven visual group of analysis in soccer match, financiado polo Ministerio de Economía no marco do programa Retos de la sociedad, co catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago como investigador principal, e contando coa presenza activa da investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, o profesor da UTAD Jaime Sampaio e aos investigadores da Universidade de Salamanca Alejandro Benito Santos, Roberto Theron e Antonio Losada.
Segundo fai saber Lago, as aplicacións informáticas existentes para traballar cos datos de posición e movemento que achegan os dispositivos GPS posibilitaban sobre todo “unha análise da prestación individual, do rendemento do xogador”, mentres que o prototipo que presenta o seu grupo pon en xogo “a posibilidade de analizar, a través dunha ferramenta moi plástica, o rendemento dos equipos, variábeis colectivas de situación e coordinación dos xogadores, e isto era algo que ata agora non existía no mercado”.
O software, que se nutre da información xerada polas aplicacións GPS, permite obter datos tan concretos como os metros percorridos por un xogador e a intensidade das carreiras, ou aspectos relativos á posición, o movemento dunha determinada liña de xogadores ou os mapas de calor das zonas onde máis participa un determinado xogador.
Trátase, como sinala Lago, dun “software con moitas posibilidades á hora de subministrar información de todo tipo, polo que agora o que se trata é que o adestrador seleccione de todo ese abano de opcións, físicas, técnico-tácticas, tácticas, individuais, grupais e colectivas, cales son as que lle interesan”.
O prototipo presentado á dita revista foi desenvolvido a partires do traballo con GPS con capacidade para subministrar de 5 a 15 datos de coordenadas por segundo e foi testado empregando a información xerada con este tipo de dispositivos por un equipo da Liga de Campións.

PUBLICIDADE