A UVigo xunta a tres dos máximos especialistas de España en IA e contratación pública

mércores, 26 de febreiro do 2025 S. P.

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do Campus de Vigo acolleu este martes 25 unha xornada na que se analizaron os desafíos estratéxicos aos que se enfronta a contratación pública, un sector representa arredor dun 20% do Produto Interior Bruto de España, unha porcentaxe superior incluso ao considerado motor económico do país: o turismo. Participaron tres dos máximos especialistas de España en materia de Intelixencia Artificial e contratación pública: José María Gimeno Feliú, da Universidad de Zaragoza; Juli Ponce Solé, da de Barcelona, e Agustí Cerrillo Martínez, da Oberta de Catalunya.
Acudiron a este encontro convidados polos docentes Patricia Valcárcel Fernández e Rafael Fernández Acevedo, responsábeis do proxecto de investigación Desafíos estratéxicos da contratación pública na era da 4ª Revolución Industrial: sostibilidade, gobernanza e Intelixencia Artificial, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e ao abeiro do cal se organizou esta xornada.
Tras a inauguración, presidida polo decano da facultade, Francisco José Torres, foi Patricia Valcárcel, catedrática de Dereito Administrativo, a encargada de dar a benvida aos relatores e presentar a xornada. Valcárcel situou ás persoas asistentes, entre eles moitas alumnas e alumnos da Facultade, da importancia dun sector ao que se referiu como “especialmente relevante”, “o que o converte en campo de batalla para analizar infinidade de cousas positivas e tamén negativas”. Trátase, ademais, dun sector que acaba de sufrir unha transformación “impresionante” nas últimas décadas, dixo.
A integración da Intelixencia Artificial neste ámbito ten, a xuízo de todos os participantes na xornada, un importante impacto sobre o crecemento potencial do país ao aumentar a produtividade no funcionamento dos servizos públicos, as interfaces das relacións cos administrados, a xestión administrativa interna, os procesos de toma de decisión, os sistemas de xestión da información e o apoio na definición e articulación das políticas públicas e, entre elas en particular, na contratación pública.
Tras a apertura o primeiro relatorio correu a cargo do catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de Zaragoza, José María Gimeno Feliú, quen falou sobre Intelixencia Artificial e prevención da corrupción na contratación pública. A xornada continuou coa participación de Juli Ponce, da Universitat de Barcelona, que reflexionou sobre os contratos públicos e a automatización e, por último, Agustí Cerrillo, da Oberta de Catalunya, afondou na Actuación administrativa automatizada no procedemento de preparación, adxudicación e seguimento dos contratos públicos.