A Unidade mixta de investigación de Grupo Antolín e CTAG avanza na seguridade e confort do automóbil

venres, 9 de xuño do 2023 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe na presentación dos resultados da Unidade Mixta de Investigación do CTAG e o Grupo Antolín, dedicada ao desenvolvemento de solucións innovadoras para a seguridade na condución, a experiencia do usuario e o confort no interior dun vehículo, onde destacou a contribución desta Unidad Mixta de Investigación á transferencia de tecnoloxía nun sector estratéxico para Galicia como é o da automoción, en liña cun dos principais obxectivos deste instrumento: favorecer a cooperación entre organismos de investigación de Galicia e a contorna empresarial e impulsar a transferencia de I+D á industria para aumentar a súa competitividade.
Argerey fixo fincapé na capacidade dos centros tecnolóxicos galegos, en concreto do CTAG, para estimular a transformación do tecido industrial incorporando tecnoloxías innovadoras que contribúen a avanzar cara á Industria 4.0 ou fábrica intelixente. Así mesmo, subliñou a aposta do Grupo Antolín por desenvolver a súa I+D en Galicia a través deste programa, as Unidades Mixtas de Investigación. De feito, esta é a segunda Unidade Mixta na que participan ambos os dous socios. Esta Unidade Mixta de Investigación, dotada cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, está cofinanciada con fondos Feder e conta cun equipo de 25 investigadores. Incorporou tecnoloxías como a sensórica, a visión artificial, a intelixencia artificial, a conectividade, a computación na nube, a arquitectura electrónica, a mecatrónica ou a interface humano-máquina no desenvolvemento de solucións que permitan a monitorización do interior do vehículo.
A UMI anterior estivo centrada na xeración de interiores de vehículos ante os futuros retos da mobilidade desenvolvida no período 2018-2021.

PUBLICIDADE