A Universidade de Vigo continuará impulsando a feira Pont-Up Store
mércores, 13 de marzo do 2024
A Universidade de Vigo confirmou que continuará materializando o seu apoio, a través do Campus de Pontevedra, á feira de emprendemento innovador Pont-Up Store, evento nado na cidade do Lérenz en 2014 da man do grupo de investigación G4 Plus da UVigo e que o pasado mes de setembro celebrou a súa máis recente edición (que deixou 380 empresas participantes, máis de 170.000 visitantes e a organización de 300 actividades complementarias).
Neste intre, a organización do evento recaeu na Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, tras a xubilación do profesor da UVigo e responsábel do grupo G4 Plus, Pedro Figueroa. Porén, este encontro do emprendemento seguirá contando coa UVigo como promotora, trala sinatura dun convenio de colaboración entre a institución académica e a asociación. Este acordo foi asinado esta semana na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e por Figueroa, como presidente da asociación.
“Pont-Up Store é unha iniciativa que foi medrando e que xa é unha cita obrigada no concello de Pontevedra”, lembrou Reigosa, que explicou que o propósito deste convenio é que “a Universidade de Vigo siga ligada a esta iniciativa”. O reitor destacou que tanto este convenio marco como “os distintos acordos aos que vaiamos chegando” permitirán que a UVigo “achegue o seu gran de area a que esta iniciativa siga medrando” e contribuíndo a enriquecer e dar visibilidade as actividades en materia de empregabilidade e emprendemento que se desenvolven no campus pontevedrés,
“A Universidade vai seguir sendo impulsora do Pont-Up Store”, engadiu Figueroa, que apuntou á posibilidade de que este convenio marco permita posteriormente explorar novas vías de colaboración coa asociación, alén do propio encontro que cada mes de setembro se desenvolve en Pontevedra, combinando a presentación de proxectos emprendedores cun programa de actividades complementarias en diferentes puntos da cidade. Nese senso, Figueroa sinalou a vontade da asociación de colaborar na realización de prácticas nas empresas asociadas ou en traballos de fin de grao ou mestrado centrados no emprendemento, así como poderen proxectos de I+D e de transferencia que se promovan desde a institución académica.