A Universidade de Vigo e Gradiant colaborarán en achados concretos de ciberseguridade

luns, 19 de marzo do 2018 Redacción

A Universidade de Vigo quere ir máis alá de tender pontes entre o tecido investigador dos campus e o tecido industrial galego: quere impulsar ao máximo a circulación por esas ponte. Circulación de que tipo? Pois basicamente de coñecemento avanzado e tecnoloxías prontas para ser aplicadas no mercado con vistas a crear produtos e servizos concretos que sexan rendíbeis e que melloren a nosa vida diaria. Estes son algúns dos obxectivos básicos de Cyprian, CYbersecurity, PRIvacy and Anonymity Lab, un laboratorio posto en marcha entre a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e que foi presentado hoxe nos seus detalles polos principais responsábeis.
Participaron Salustiano Mato, reitor da UVigo, Domingo Docampo, ex-reitor e docente da Escola de Telecomunicación, Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, o director do centro AtlantTIC, o profesor Carlos Mosquera, e a comisionada do reitor para o Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo
Segundo fixeron saber, Cyprian non terá sede propia de seu, pero si cometidos firmes e claros: por exemplo, realizar actividades que fomenten a transferencia, desenvolver proxectos de investigación e teses de doutoramento, facilitar asesoramentos, fomentar as sinerxías entre tecido industrial e outras partes interesadas, permitir estadías cruzadas de persoal e achegar a posibilidade de compartir equipamentos, entre outras cuestións.
Segundo apuntou o reitor, Cyprian “é un paraugas que abriga todo o que estamos facendo e todo o que imos facer no futuro”, explicou, ao tempo que fixo fincapé en que a sinatura do convenio chega nun momento “de clara madurez” para Gradiant, “cando xa é unha peza importante do ecosistema de innovación galego” e a idea é dotar a relación entre ambas institucións “dunha perspectiva a medio e longo prazo”.
Na formalización do acordo, os responsábeis de ámbalas entidades engadiron que a ciberseguridade e o procesado seguro da información será un dos grandes eidos de actividade conxunta, un ámbito no que a Universidade e Gradiant xa viñan traballando xuntos, pero ao que se lle vai dar novos azos ao abeiro de Cyprian. “Cando falamos de ciberseguridade estamos a falar agora mesmo de algo que xa leva aí moito tempo, xa que desde que as TIC son TIC sempre preocuparon estes temas e isto foi a máis nos últimos anos coa dixitalización, a irrupción da industria 4.0, a internet das cousas... Trátase de ser capaces de procesar e competir a información dun xeito seguro”, explicou o director xeral de Gradiant.
Ciberseguridade, punto forte do Vigo Tecnolóxico
“Os contidos da investigación e da innovación que se fan en Gradiant están aliñados coa estratexia da Universidade de Vigo e, máis concretamente, do noso campus de especialización, o Vigo Tecnolóxico”, explicou o reitor vigués, engadindo que “a través de Gradiant conseguimos que o coñecemento que se xera nos nosos laboratorios chegue á realidade social, non só ao tecido empresarial, senón tamén ao día a día das persoas e esta é a forma que entendemos, a través da transferencia de coñecemento, de facer músculo na sociedade na que vivimos e ser un auténtico axente de desenvolvemento económico”. Mato tamén lembrou que a Universidade conta xa cunha Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, ten como centro adscrito o Centro Universitario da Defensa e que o vindeiro curso comezará tamén a impartirse na Universidade de Vigo un máster especializado en ciberseguridade.
p margin-bottom: 0.25cm; line-height: 120%; a:link

PUBLICIDADE