A Universidade de Vigo impartirá un curso de especialización no 5G

mércores, 27 de febreiro do 2019 Redacción

Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a un convenio asinado esta mañá pola directora da AMTEGA, Mar Pereira; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; e o director-xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, nun acto que contou coa presenza do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.
O programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.
O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G) ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.
Os profesionais do sector cun mínimo de tres anos de experiencia e estudantes de grao que superaran o 75% dos créditos poderán acceder a un ou varios módulos do programa baixo a fórmula de Cursos Complementarios.
O Curso de Especialista será impartido tanto por docentes da universidade como por expertos de multinacionais de telecomunicacións e fabricantes de tecnoloxías.