A Universidade de Vigo premia con portátiles os mellores expedientes de novo ingreso
luns, 12 de xullo do 2010
A Universidade de Vigo, que nos
últimos tempos leva traballando a reo para extender o uso das TIC en tódolos
ámbitos da entidade facilitando este tipo de ferramentas en cada eido do ensino,
vén de anunciar que, no marco dos seus premios á Excelencia Académica,
distinguirá aos 50 estudantes de novo ingreso con mellor expediente académico
no Bacharelato con cadanseu ordenador portátil, buscando así “recoñecer a excelencia académica dende o
primeiro intre”.
O vicerrector de Alumnado,
Docencia e Calidade, Ignacio Barcia (na imaxe) asegura que esta acción tén como
obxectivo “recoñecer aos estudantes que
se esforzaron especialmente para chegar aquí”.
Esta iniciativa
enmárcase dentro das diversas actividades de difusión da excelencia académica e
investigadora da Universidade de Vigo que, desta volta, quere recoñecer o
traballo desenvolvido polos estudantes que son beneficiarios do premio de
excelencia académica da Xunta de Galicia, por aqueles que gañen olimpíadas
científicas e polos que teñan unha nota media no bacharelato igual ou superior
a 8.5.
As axudas, ás que se poderá acceder a partir do vindeiro día 13 de setembro,
están destinadas ao alumnado que se matricule por primeira vez en calquera das
titulacións da Universidade. 30 dos premios irán destinados para aqueles que
sexan seleccionados pola Xunta de Galicia co seu premio de excelencia; 10 serán
para os gañadores (1º, 2º ou 3º) nas diferentes olimpíadas científicas que
tiveron lugar ao longo do curso e, finalmente, outros 10 serán para os
estudantes que acrediten unha puntuación igual ou superior ao 8.5 no expediente
do bacharelato.
Xa que a acción vai
destinada a distinguir a excelencia dos alumnos de novo ingreso, as persoas
solicitantes deberán estar matriculadas na institución académica no curso
2010-2011 e ter finalizado os seus estudos de bacharelato no curso 2009-2010.
As solicitudes deberán presentarse no
rexistro xeral da Universidade ou nos rexistros auxiliares dos campus, e
a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade será a encargada da
valoración dos candidatos e a adxudicación dos premios.