A V Liga Maker Drone convida a estudantes de toda Galicia a minimizaren accidentes laborais
xoves, 30 de outubro do 2025
A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) presentaron na mañá deste xoves 30 de outubro o reto ao que terán que enfrontarse os participantes da V Liga Maker Drone: deseñar e construír un sistema dron para levar a cabo tarefas de mantemento en altura que supoñen un risco para a vida das persoas.
Así, os preto de 180 estudantes de 2° da ESO de toda Galicia que participan nesta iniciativa abordarán unha problemática social real e de gran impacto: a prevención de accidentes laborais por caídas de altura.
Neste punto e para contextualizar o desafío, as dúas entidades organizadoras do certame lembran que dacordo coa Estatística de Accidentes de Traballo (EAT) do Ministerio de Traballo e Economía Social, “este tipo de sucesos ascenderon a máis de 27.000 en 2024 só en España, deixando case 80 falecidos e representando cerca do 20% dos accidentes de traballo graves no país”.
A resolución de problemas con impacto social mediante o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas é o fío condutor dos retos que a Liga Maker Drone expuxo aos participantes desde a súa primeira edición. O curso pasado, o desafío consistiu en transportar medicamentos a centros sanitarios situados en zonas de difícil acceso; o ano anterior, o obxectivo foi neutralizar niños de avespa velutina; e, nas dúas primeiras edicións, os equipos tiveron que recoller lixo marítimo e apagar incendios, respectivamente.
A responsable da área de Educación e Ciencia da Fundación Barrié, Helena Bouza, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, foron os encargados de desvelar o reto e dar a benvida aos 18 equipos na xornada celebrada na mañá deste 30 de outubro no laboratorio de experimentación avanzada de ITG. No evento interviñeron tamén dous representantes do equipo Pegaso, a unidade da Garda Civil encargada de velar pola seguridade operacional do espazo aéreo.
Ademais, durante a mañá, o alumnado tomou contacto co mundo da enxeñería e as profesións STEM participando en obradoiros prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, Realidade Virtual e pilotaxe de drons, así como nunha demostración do DroneFinder, o sistema de procura e localización de persoas desaparecidas desenvolvido polo centro tecnolóxico ITG.
“Unha final de altura”
Os participantes teñen case 7 meses por diante para poñer a proba o seu enxeño e a súa capacidade de traballo en equipo no desenvolvemento dun sistema dron que dea resposta ao reto hoxe exposto. As solucións serán avaliadas por un xurado experto na xornada de exhibición que se celebrará o 8 de maio de 2026 no Coliseum da Coruña. “Esta cita afiánzase ano tras ano como un dos eventos de referencia para a comunidade educativa galega e congregou ao longo das súas catro edicións a máis de 4.000 asistentes”, explicaron dende a organización, lembrando que tanto nas roldas eliminatorias como na rolda final, gañará o equipo que logre completar o reto no menor tempo posible. O xurado tamén outorgará novamente catro premios especiais: ao mellor deseño, a solución máis disruptiva, a destreza en voo e a mellor presentación.
A Liga Maker Drone é unha iniciativa coa que o centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e facer que tomen conciencia da relevancia da tecnoloxía en aplicacións da vida diaria. Na última edición, a porcentaxe de alumnos interesados en orientar o seu futuro cara a disciplinas STEM pasou do 48 ao 62% tras a súa participación na competición.
