A V Olimpíada Robótica da Escola de Enxeñaría de Ferrol reúne este venres a máis de 140 estudantes de secundaria

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

Máis de 140 estudantes de ESO de distintos puntos das provincias da Coruña e de Lugo participan este venres 17 de abril pola mañá na V Olimpíada Robótica que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). O torneo terá lugar no Pavillón Municipal de Esteiro e o acto de entrega de premios, previsto para as 13:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
Nesta V Olimpíada Robótica participa alumnado de secundaria do IES Saturnino Montojo, do IES Ricardo Carvalho Calero e do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, do IES As Telleiras de Narón, do IES Fin do Camiño de Fisterra, do CPR Fonteboa de Coristanco e do IES Perdouro de Burela.
Ao longo da mañá, o alumnado dividirase en 33 equipos (8 na Categoría Promesas, de 1º e 2º da ESO, e 25 na Categoría Elite, 3º e 4º da ESO) e terá que superar tres retos: un segue liñas con obstáculos, a proba do “varredor” e unha competición de sumo. Entregaranse 12 premios, dous por cada un dos retos propostos e por categoría, así como outros 2 galardóns especiais a aqueles equipos que obteñan a maior puntuación global nas tres probas, correspondendo un á Categoría Promesas e outro á Elite.
Na proba do segue liñas, o robot debe seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se impoñan no seu camiño. No “varredor”, o alumnado terá que empregar algoritmos similares aos que usan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede e varrer todos os obxectos do taboleiro. Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun cara a cara no que deberán expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo.