A V edición de OSHWDem celebrarase o vindeiro 5 de novembro na Domus da Coruña

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

Por quinto ano consecutivo a asociación BricoLabs organiza o vindeiro 5 de novembro a OSHWDem, nome co que este grupo de makers denomina a Feira de Tecnoloxía Aberta que vén celebrando cada ano no museo Domus da Coruña, onde poderanse ver numeroso proxectos de hardware libre, ou sexa con planos, compoñentes, instrucións de montaxe e, ata en ocasións a axuda personalizada, dispoñibles para o público xeral de xeito aberto. Cun pouco de paciencia, tempo e dedicación, quen queira poderá replicar, ou adaptar ao seu gusto, os proxectos expostos.
Este é o propósito fundamental de BricoLabs e aquilo que vén defendendo dende o ano 2011, «a difusión da tecnoloxía e o coñecemento libre», en palabras da propia asociación que xunta semanalmente a todos aqueles que queren colaborar no deseño, construción e probas de todo tipo de trebellos, propostos polos propios membros ao xeito doutros HackerSpaces e FabLabs do mundo.
A asociación tamén organiza obradoiros, visitas a centros de ensino, charlas divulgativas, acode a encontros, eventos, conferencias para amosar as súas creacións; e na feira deste ano abrirase a makers de todo o país para expor os seus proxectos: impresión 3D, sistemas robóticos, drons,.... que poderanse ver na Domus o 5 de novembro de 10:00 a 19:00 horas.
Pero a OSHWDem non é so a exposición de proxectos, tamén poderemos gozar de varias modalidades de competicións de robots, dende as máis clásicas e sinxelas carreiras de segueliñas ata as probas de maior complexidade como o sumo robótico ou a resolución de labirintos. A novidade deste ano é Hebocon, unha competición de robots na que o único que conta son as gañas de participar. Deseñada especialmente para facela accesible a todos os públicos, mesmo a aqueles que non teñen coñecementos técnicos ou experiencia previa, Hebocon está pensada para que ninguén quede fóra.
O evento non remata o sábado. Este ano a meirande parte dos obradoiros terán lugar nas semanas posteriores á feira. O propósito da organización é que os asistentes teñan as ideas máis claras sobre as posibilidades de experimentación que ofrecen os diferentes obradoiros logo de ter visitado a exposición. Como ven sendo habitual, os obradoiros abranguen materias moi variadas; música electrónica, impresión 3D, robótica, creación de circuítos electrónicos e programación son só algúns dos exemplos dos obradoiros deste ano.
Con máis de 30 proxectos libres confirmados para a exposición, os organizadores prevén acadar as mesmas cifras de asistencia que na anterior edición, cando máis de 1.200 persoas pasaron polo museo Domus durante a xornada.

PUBLICIDADE