A V edición do concurso Ciberseguridade no cole! de Telefónica abre o prazo de inscrición

martes, 16 de setembro do 2025 S. P.

Promover a concienciación en materia de ciberseguridade no eido escolar e facilitar que o alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO adquiran os coñecementos e ferramentas para facer fronte aos riscos que implican o uso dos medios dixitais é a finalidade que persegue Telefónica ao convocar a V edición do concurso Ciberseguridade no cole!, encamiñado a alumnas e alumnos de 10 a 14 anos e no que os centros educativos de Educación Primaria e/ou Secundaria poderán formalizar a súa inscrición ata o 6 de outubro (ata as 14 horas), a través dun formulario web.
Asemade, cómpre engadir que este concurso de Telefónica tamén pretende crear un impacto positivo na sociedade, contribuíndo a espallar unha cultura de ciberseguridade entre os e as adolescentes e o traballo dun xeito colaborativo na súa fase final.
Achegándonos a Ciberseguridade no cole!, dicir que contará con dúas fases, unha inicial de clasificación online e outra final presencial. A primeira celebrarase o vindeiro 15 de outubro en horario escolar e terá un formato Quiz Time, na que todas aspersoas concursantes competirán en liña conectados a unha plataforma dixital (Kahoot!) e respondendo ás preguntas expostas pola organización durante un mesmo espazo de tempo. Durante esta fase, seleccionaranse ao tres equipos clasificados de cada categoría (Primaria e Secundaria) coa maior cantidade de respostas contestadas, tendo en conta os tempos de resposta no caso de empate. A segunda fase desenvolverase o 7 de novembro, en horario matinal e no marco do V Encontro CIBER.gal, organizado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer ás persoas gañadoras.
Engadir que cada centro escolar clasificado estará representado nesta fase da competición por 2 alumnos ou alumnas, formando un único equipo de 6 participantes por cada categoría. A dinámica será de preguntas e respostas contrarreloxo, onde o equipo, cun capitán á fronte, deberá responder ao ciber reto exposto de maneira única. Para iso, contará coa axuda de dous comodíns: o do público, que disporá de cartolinas de cores nos seus asentos para facelo, e o dos profesores. O traballo colaborativo será a base para acadar o éxito común en cada misión e lograr en equipo os premios establecidos -formativos, didácticos e relacionados coa seguridade-, que estarán divididos por bloques formando unha pirámide e que, a medida que se vaian acertando as preguntas, iranse desbloqueando. As 3 clases que forman equipo levarán o mesmo premio final, que irá destinado ao centro escolar.
Para rematar, informar que Ciberseguridade no cole! orixinouse en 2021 e tivo un gran éxito de convocatoria, con máis de 21.000 alumnos e alumnas, máis de 500 clases e máis de 200 colexios galegos participantes nas catro edicións anteriores.
As persoas que precisen máis información sobre este concurso e as súas bases legais poden consultar os detalles nas seguintes ligazóns: presentación Ciberseguridade no cole e bases legais.