A V edición do concurso Ciberseguridade no cole! sensibilizará aos escolares sobre o uso seguro da tecnoloxía

venres, 19 de setembro do 2025 Redacción

O concurso Ciberseguridade no cole! chega este ano á súa quinta edición coa finalidade de sensibilizar, dun xeito divertido, aos máis pequenos sobre a importancia de empregar a tecnoloxía con seguridade. A iniciativa, que forma parte do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, está dirixida ao alumnado de 4º e 5º de primaria e de 1º e 2º da ESO dos centros educativos galegos.
O prazo de inscrición, aberto por Telefónica como entidade organizadora, estará dispoñible ata o 6 de outubro a través da web do certame, onde tamén se poden consultar as bases e condicións. Como en edicións anteriores, haberá unha fase en liña ata o 15 de outubro, da que sairán os equipos finalistas. A gran final celebrarase o 7 de novembro na Cidade da Cultura.
Este acto enmárcase no V Encontro CIBER.gal, que entre o 5 e o 7 de novembro reunirá en Santiago de Compostela a especialistas e profesionais da seguridade da información. O encontro, impulsado polas entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e coordinado pola AMTEGA, está xa consolidado como unha das principais citas de referencia en España neste ámbito.
Desde a súa creación, a participación no concurso non deixou de medrar. Na última edición sumou máis de 6.700 estudantes de entre 10 e 14 anos, pertencentes a máis de 120 centros educativos, un dato que pon de manifesto o interese crecente da comunidade escolar pola ciberseguridade e polo uso responsable da tecnoloxía.