A VI Ciberliga Nacional de ciberseguridade da Garda Civil recala en Baiona

mércores, 20 de novembro do 2024 S. P.

O CPI Cova Terreña de Baiona acolleu este martes 19 a presentación da VI Ciberliga Nacional de Retos no Ciberespazo que organiza a Garda Civil para visualizar entre os escolares a importancia de garantir unha Rede segura. Contouse coa participación de estudantes do cuarto da ESO, destinatarios da modalidade pre-amateur creada o ano pasado. Tamén estiveron presentes o subdelegado do Goberno Abel Losada, o tenente coronel da Garca Civil, Óscar Grañas, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.
Son 13 os centros educativos da provincia de Pontevedra participantes nesta iniciativa e poderán inscribir aos seus equipos, ata o 22 de novembro, a través da web da Ciberliga. Os equipos estarán compostos preferentemente por 4 estudantes, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25 o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos clasificados disputarán a final no Centro Universitario da Garda Civil de Aranxuez no mes de marzo de 2025.
O subdelegado aplaudiu “o traballo que realizan as mulleres e homes da Garda Civil en todos os centros educativos da provincia, onde forman todos os anos por centos e centos de alumnos sobre os riscos deste novo mundo dixital, que trae moitas vantaxes para a nosa sociedade, pero tamén moitos riscos, como demostra o continuo crecemento da ciberdelincuencia, que a día de hoxe supón o 25% de todos os delitos que se cometen na nosa provincia”.
Losada destacou que a Ciberliga “é un formato divertido que complementa tamén as actuacións formativas que se realizan a través do plan director en todo tipo de ámbitos, tamén no dos delitos que se cometen a través de Internet”. Subliñou que “coa ciberseguridade todos gañamos, alumnado, pais e nais e sociedade en xeral” e finalizou desexando “moita sorte e moita aprendizaxe” a todo o alumnado do CPI nesta nova experiencia na que terán que enfrontarse e tratar de resolver, unha serie de ciber-retos que simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan pola Rede. Para conseguilo deberán empregar todas as súas habilidades, traballando en equipo e pondo en práctica os ensinos recibidos, especialmente na acción formativa que se desenvolve de maneira previa á competición.
A Ciberliga foi creada no ano 2019 co obxectivo de contribuír ao fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade mediante a formación da cidadanía nesta materia. Este programa experimentou unha evolución paulatina chegando ao momento actual no que se estrutura en tres modalidades: Amateur dirixida ao alumnado universitario e de Formación Profesional; Profesional dirixida a axencias policiais e do ámbito da defensa así como empresas do sector privado e, finalmente, a modalidade Pre-amateur, estreada os anos pasado.
No caso da provincia de Pontevedra, ademais da Cova Terreña de Baiona, os centros participantes son: o IES de Mos, o CPR As Acacias de Vigo, o Centro Plurilingüe a Paralaia de Moaña, o Centro Plurilingüe Anxo de la Garda de Nigrán, o CPI de Progreso (Catoira), o IES A Guía (Vigo), o IES Castelo (Vigo), o Centro Plurilingüe Losada de Vigo, o Centro Plurilingüe María Inmaculada de Vigo, o IES de Meaño, o Centro Plurilingüe San Narciso de Marín e o Sacro Corazón de Praceres de Pontevedra.