A Vigo estrea canle en TikTok para achegarse á xeración Z

luns, 8 de xaneiro do 2024 S. P.

A UVigo comezou o ano poñendo o foco nas redes sociais, concretamente en TikTok, onde puxo en marcha unha nova vía de comunicación especialmente deseñada para o público obxectivo da entidade, o da xeración Z, os que se atopan entre os 28 e os 24 anos.
A conta, baixo o nome de UvigoShow, busca empregar o humor e a orixinalidade para contar as aventuras de Jéssica, unha moza nini, que nin estuda nin traballa e que, tras recibir a visita en soños de Oli, a mascota da UVigo, toma a decisión de investigar en profundidade a Universidade durante un ano para así descubrir cal é a carreira que máis encaixa con ela e deste xeito superar a seu "crise educativa-profesional".
Os vídeos que cada semana se irán colando en UVigoShow están protagonizados pola creadora de contido @blondiemuser, que interpreta a Jéssica, e que acumula na súa propia canle de TikTok 1.8M de seguidores. En cada un deles irá debullando historias e curiosidades da UVigo apoiándose nunha fórmula de probado éxito: a do humor e o entretemento, ofrecendo contido orixinal e combinando a creatividade das tendencias actuais xunto cos obxectivos estratéxicos da Universidade de Vigo.
Deste xeito, con esta nova aposta en redes, a UVigo busca “aumentar a súa visibilidade nesta plataforma, xerar interacción con estudantes actuais e potenciais, postularse como unha institución dinámica e divertida en consonancia cas canles de entretemento actuais, atraer a atención de novos estudantes e diferenciarse do resto de organizacións académicas a través da creatividade”.
A canle lanzouse o 1 de xaneiro e o primeiro vídeo xa foi reproducido máis de 1000 veces.

PUBLICIDADE