A Wii U chegará ao Xapón o 8 de decembro

xoves, 13 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Satoru Iwata foi o encargado de dar a coñecer os plans de Nintendo para a Wii U no Xapón

Esta mañá Nintendo publicou unha nova edición de Nintendo Direct para o público xaponés (ás 16:00 horas farán o mesmo para Europa) nun vídeo no que detallan o lanzamento da Wii U no país asiático, dándose así a coñecer que a saída da nova consola de Nintendo no Xapón será o 8 de decembro por 26.250 iens na súa versión básica (con 8 Gb de almacenamento interno, de cor branca) e por 31.500 iens no seu modelo Premium (con 32 Gb de almacenamento interno, de cor negra).
Algúns dos xogos de lanzamento da Wii U serían Nintendo Land (que custará 4.935 iens) e New Super Mario Bros. U (que venderase a 5.985 iens), mentres que os accesorios terán uns prezos que poden chegar a ser un tanto prohibitivos, como no caso do GamePad con pantalla, custará 13.440 iens; máis económicos resultan o lote de Wii Remote, Nunchuck e Sensor Bar por 5.250 iens.

Os xogos de Wii U terán uns prezos moi semellantes aos que viamos na primeira Wii

Con estes datos non podemos adiantar os prezos que terán estes produtos en Europa, pero si podemos comentar que no Xapón os xogos manterían o rango de prezos que tiñan en Wii (por exemplo, o New Super Mario Bros. Wii tiña un prezo oficial de 5.800 iens e o Wii Party custaría uns 4.800 iens). A consola tamén tería uns prezos semellantes ao da Wii, polo que teriamos que Nintendo busca repetir a xogada, e manter unha política comercial moi semellante, coa diferenza de que desta volta a potencia da consola permitirá que as franquías multiplataforma poidan chegar tamén a Wii U cunha versión semellante á de PS3 e Xbox 360, o que moitos botaban en falta.


A presentación de Nintendo en vídeo