A Wii domina as vendas de videoxogos en todo o mundo

venres, 22 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Non é ningún segredo que o Grand Theft Auto IV foi un dos lanzamentos máis importantes do ano no sector dos videoxogos, aparecendo de número 1 en vendas en distintas listaxes elaboradas a nivel mundial, pero o curioso é que este violento xogo multiplataforma (pódese mercar para Xbox 360 e PS3, estando pendente de saír unha versión para PC) está seguido en vendas por 3 videoxogos exclusivos para a Wii, de xeito que a consola doméstica de Nintendo podería confirmar que o seu poderío non está só na venda de consolas, senón tamén nas vendas de xogos.
Os 3 grandes xogos para Wii en vendas serían o Super Smash Bros. Brawl (con preto de 5,5 millóns de unidades vendidas), o Mario Kart Wii (con máis de 4,5 millóns de copias) e Wii Fit (que supera os 3,5 millóns de unidades). Cómpre destacar que estes 3 títulos contan cuns presupostos para a súa creación moito máis reducidos que o GTA IV, que é toda unha superprodución, polo que parece que o desenvolvemento de xogos para Wii pode resultar altamente rendible.
O quinto xogo en vendas sería o Guitar Hero III: Legends of Rock, que está dispoñible para practicamente todas as plataformas domésticas, polo que non inclinaría a balanza a favor de ningunha consola.
Destes datos podemos dar a entender que a Wii é sen dúbida a consola de videoxogos de nova xeración que pese a non ser de alta definición está a dominar as vendas de hardware e software, aínda que os xogos máis vendidos para a mesma resultan ser todos obra de Nintendo, o que non acaba de ter unha clara explicación (¿Pouca confianza na Wii por parte de desenvolvedores alleos a Nintendo? ¿Dificultades dos creadores de xogos para chegar ao público casual?).
Pese a que moitos hardcore gamers continúan a apostar pola PS3 como a consola do futuro, o certo é que a consola de Nintendo non para de medrar, mentres que a de Sony non é capaz nin de venderse a un prezo maior ao de fabricación, polo que o imperio de Nintendo (que xa arrasaba no mercado portátil) estase a espallar a un nivel impredicible hai apenas 2 anos, aínda que a duración deste liderado non se sabe a duración que terá.

PUBLICIDADE