A Wii terá sucesora en 2012

luns, 25 de abril do 2011 Marcus Fernández

Imaxe filtrada do que podería ser a sucesora da Wii

Como aconteceu coa Nintendo 3DS, temos que a compañía nipona de videoxogos volve a confirmar o lanzamento dunha nova consola nun informe financeiro en vez de aproveitar un evento formal e así, tras publicar os resultados financeiros de 2010, nos que rexistraron unha caída de beneficios do 66%, engadiron que verá un novo produto para 2012 (máis aló do seu primeiro trimestre), que sería a sucesora da Wii, consola que vendeu 86,01 millóns de unidades dende o seu lanzamento en 2006, polo que ten dificultades para manter o seu ritmo de vendas (xa que está presente en case todos os fogares aos que iría destinado o produto).
Agárdase que a nova Wii vexa a luz no E3 que terá lugar en Los Angeles a primeiros de xuño, confirmándose os rumores das últimas semanas, entre os que se apunta non só o futuro nome da consola (Nintendo Stream, froito do Project Café) senón tamén características como que soportaría alta definición a 1.080p grazas a un potente procesador GPU AMD R700, tería unha potencia superior ás actuais Xbox 360 e PlayStation 3, o seu mando podería integrar unha pantalla táctil e aínda que estaría preparada para as 3D, non sería unha prestación chave como na Nintendo 3DS (pola reducida presenza nos televisores 3D nos fogares).
De todos os xeitos hai que admitir que os resultados financeiros de Nintendo eran previsibles, e agárdase unha importante mellora durante o presente ano grazas ao lanzamento da súa nova consola portátil, que axudará a revitalizar o sector e, de feito, Nintendo continuará centrando os seus esforzos en achegar un sólido catálogo de xogos á 3DS, entre os que estarían grandes xogos como un novo Mario Kart.
Shigeru Miyamoto tamén vén de participar nun evento para a prensa en Londres, onde asegurou que o Super Mario 3DS será un xogo que mesturará elementos de Super Mario Galexy e Super Mario 64, no que parece que será un éxito seguro e podería estar rematado este mesmo ano. Tamén teremos que agardar ao E3 para saber máis dos novos xogos de Mario.

PUBLICIDADE