A XGN Intermax inicia a súa edición número 25
venres, 10 de outubro do 2025
A maior LAN party de Galicia, a XGN Intermax AI Edition, abriu esta mañá as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, cun total de 863 participantes rexistrados. A tradicional conta atrás, coa que arrinca oficialmente o evento, contou coa presenza do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Esta edición especial, que se prolongará ata o domingo, celebra o 25º aniversario da party e está integramente centrada na intelixencia artificial. Os asistentes dispoñen dunha conexión de ata 40 Gbps grazas á tecnolóxica galega Intermax Technology, patrocinadora oficial do evento, que repite colaboración tras incorporarse o pasado ano. Nesta ocasión, súmase tamén o provedor galego Raiola Networks como patrocinador.
O programa da XGN Intermax AI Edition inclúe máis de setenta actividades entre competicións, obradoiros e conferencias. Desde hoxe están en marcha máis de trinta competicións de arte dixital, videoxogos, modding, setups personalizados, programación de robots e CTF, probas nas que os participantes deben demostrar as súas habilidades en ciberseguridade.
Na área de hardware destaca unha ampla zona de impresión 3D, coa granxa de impresoras e o espazo Maisprinter, onde os afeccionados comparten coñecementos e experimentan con novas técnicas. Tamén comezou un obradoiro de modding que se prolongará ata mañá, con sesións sobre pintura, montaxe e refrixeración lÃquida de equipos.
A zona de acceso libre, a Extranet, ofrece talleres sobre construción dunha radio FM funcional, hacking ético e seguridade electrónica, ademais de tres conferencias destacadas. José Ramón Mosteiro, de Netex Learning, aborda a «Gamificación a través da IA para a formación»; Raúl Ordoñez Jaspeante, recoñecido divulgador, falará de Intelixencia artificial: o teu novo superpoder; e o creador de contido Christian Sanz Toro Tocho Reviews impartirá a charla Espremer o teu PC ao 100%, centrada na optimización de CPU e GPU para xogos, creación de contido e IA.
Completan a oferta as zonas de videoconsolas, lentes de realidade virtual, simuladores, futbolÃn, tenis de mesa, xadrez e espazos deportivos, que estarán operativos durante toda a fin de semana.
A XGN Intermax AI Edition combina formación, competición e lecer tecnolóxico nunha edición que volve contar co apoio da Xunta de Galicia, a través da ConsellerÃa de Cultura, Lingua e Xuventude, impulsora desta emblemática LAN party galega.
