A XI edición de Nós tamén creamos! xa ten colexios gañadores

martes, 18 de xullo do 2023 S. P.

A XI edición de Nós tamén creamos!, o certame de curtametraxes de animación en galego que promove a Xunta (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e de OQOeditora, xa ten palmarés.
Este ano, no que se presentaron 31 filmes de 24 escolas distintas de Infantil e Primaria rodados pola cativada de tres a nove anos e os seus mestres, resultan galardoados os seguintes centros públicos: na categoría de segundo ciclo de Educación Infantil, a EEI do Milladoiro, en Ames (A Coruña) polo seu traballo Tonino. Un pingüín en Ames; na categoría de primeiro e segundo ciclo de primaria, o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas (Pontevedra), pola curta O cascabel da gata, e na categoría de terceiro e cuarto ciclo de Primaria, o CEIP Padre Feijoo de Allariz (Ourense), polo filme Sígueme.
Ademais, e “por primeira vez debido á alta calidade das propostas presentadas nas últimas edicións do certame”, as bases permitían a concesión dun accésit para cada categoría establecida. Deste xeito, reciben unha Mención Especial os seguintes centros: na primeira categoría, o CEE A Barcia de Santiago de Compostela (A Coruña) polo traballo Non fai falta a voz; na segunda categoría, o CEIP A Canicouva de Vigo (Pontevedra) polo vídeo A princesa do Caurel, e na terceira e última categoría o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober (Lugo) polo traballo tamén titulado A Princesa do Caurel. As curtas premiadas poderán visualizarse no Portal da Lingua Galega, na aplicación Xabarín e na sección infantil da TVG.
Os centros premiados recibirán, ademais dun lote de libros de OQOeditoria, unha subscrición anual á plataforma desta editorial con acceso a libros, filmes e outros contidos dixitais en galego e mais un agasallo da CRTVG, así como un diploma acreditativo.
Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das súas categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.
Dinamización lingüística nas aulas
Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolve nas aulas de Infantil e Primaria en colaboración coa CRTVG e OQOeditora no marco do Plan Proxecta+ do Goberno galego.
O programa, que busca fomentar o uso do galego nas aulas a través da creatividade e a incorporación das TIC, inclúe a dotación de libros para o centro educativo, así coma o asesoramento e a formación presencial e en liña do profesorado para que poida realizar nas aulas curtas de animación en galego coa técnica stop-motion baseadas en textos literarios.

PUBLICIDADE