A XIII Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG celébrase este venres en Santiago

xoves, 28 de outubro do 2021 S. P.

A nova edición da gran festa galega da profesión da Enxeñaría en Informática será un recordatorio de todas as cousas que as novas tecnoloxías nos permitiron seguir facendo durante o tempo de crise sanitaria, e tamén do potencial das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para combater a pandemia. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza a súa XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia este venres 29 de outubro, a partir das 20.00 horas. A gala máis importante da informática en Galicia será no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
Está previsto que uns 250 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais.

Una gala consolidada

JPEG - 163.9 KB
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é “xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
E engade: “A tecnoloxía demostrou neste ano e medio de pandemia o seu valor para soster a economía, a educación e as relacións sociais, e A Noite representa ese impulso da dixitalización en todos os sectores”.
O presidente manifesta que para que a sociedade perciba que a dixitalización é unha cuestión estratéxica, o colexio profesional decidiu celebrar A Noite de xeito presencial, sen alcanzar as cifras de convidados de edicións anteriores, poñendo o foco na entrega dos premios anuais do CPEIG como vía para “poñer o foco na importancia da tecnoloxía e o talento das persoas que están tralos desenvolvementos tecnolóxicos”.
Tamén Fernando Suárez destaca que neste 2021 “son especialmente importantes os fondos europeos NextGenerationEU que van supoñer un punto de inflexión para a transformación tecnolóxica das empresas, administracións públicas e a sociedade en xeral, xa que segundo subliña España é o país onde máis porcentaxe destes fondos se van dedicar a este proceso de dixitalización”.
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.

Paula Vázquez e Dani Delacámara, mestres de cerimonias

Esta décimo terceira edición, conducida pola presentadora de televisión Paula Vázquez, será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como clausurada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ademais, contará coa asistencia doutras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; e a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala contará coa actuación do humorista Dani Delacámara que divertirá aos asistentes cun monólogo sobre a situación vivida coa pandemia da COVID-19. Amais, contarase coa actuación do grupo musical de versións acústicas Versionettes. A cea de OCA Hotels imitará en parte o formato das ceas clandestinas do propio establecemento hoteleiro. O menú e preparación correrán a cargo do director de Alimentos e Bebidas, Pablo Vila, o jefe de cociña do Hotel OCA Puerta del Camino, Miguel Sande, coa colaboración do xefe de cociña do Hotel OCA Vila de Allariz, Gerson Iglesias. A maridaxe farase baixo a tutela do enólogo xefe de Ferrer Wines, Javier Aladro. Tamén o barista xefe de Cafés Candelas, José Manuel Portela, será o autor dun combinado de café frío.

Reivindicando o progreso tecnolóxico e a profesión TIC dende 2007

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

Premios da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

– Premio e-Inclusión. Este recoñecemento outórgase a a Samsung Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto Tallk destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.
– Premio Iniciativa da Administración. Esta distinción foi para o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum Computing destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.
– Premio Iniciativa Empresarial. A Red Mundo Atlántico pola súa achega á innovación social e á internacionalización das pequenas e medianas empresas do Eixo Atlántico a través da súa rede de networking e de impulso ao financiamento europeo dos proxectos.

JPEG - 107.9 KB
Agustín Tourón e Víctor López, socios fundadores de Councilbox

– Premio Iniciativa Emprendedora. A empresa galega Councilbox, con sede central en Nigrán, foi distinguida pola súa tecnoloxía de reunións remotas con voto electrónico e validez legal.
– Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática. A enxeñeira en informática Ana Freire (Rábade, 1983), experta en intelixencia artificial e recuperación de información, foi premiada con este recoñecemento. É unha firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como da contribución das mulleres neste ámbito para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas.
– Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino. O recoñecemento é para o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
– Premio Traxectoria Profesional. O galardón é para enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco (A Coruña, 1970) pola súa destacada contribución á transformación dixital das organizacións e á ciberseguridade.
– Premio Especial A Noite. Este recoñecemento outórgase a Balidea, Emetel, Inycom e Minsait polo seu permanente apoio á entidade colexial e á gala de referencia do sector TIC en Galicia.
– Premio Especial a Código Cero no seu 20 aniversario. O diario dixital Código Cero é recoñecido por cumprir vinte anos achegando a información tecnolóxica en galego.

JPEG - 77.9 KB
A investigadora Elisa Fernández Álvarez

– Premio Traballo Fin de Mestrado. O premio foi para Elisa Fernández Álvarez (A Fonsagrada, 1996), polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados para realizar predicións de casos da COVID-19 para o seu Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña.
– Colexiado de Honra. Este premio recaeu no arquitecto de computadores Mateo Valero Cortés (Alfamén, Zaragoza, 1952), director do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación, impulsor da supercomputación en España e Europa, e un dos investigadores mundialmente máis premiados no seu eido de actividade.

PUBLICIDADE